Teño que confesar que levo moito tempo dándolle voltas á idea de abrir neste blog unha serie especialmente adicada ao emprego das tecnoloxías da comunicación e da información no ensino da música e, en xeral, ao seu uso, produción e disfrute.

E como son tantos os recursos e tantas as ferramentas, precisaba dun fío condutor que servira para estruturar o discurso.  Para elo non se me ocorreu mellor camiño que empregar o Certame de poesía Xosé A. Barral e a Orquestra Orff IES As Bizocas como pretextos e espazos onde o uso das novas (algunhas xa non tanto) tecnoloxías é habitual e, eu diría, imprescindible.

Comezarei polo editor de partituras.  A aplicación na que escribo as novas composicións e os arranxos para a orquestra e coa que tamén transcribo as partituras doutros autores para poder manexalas, extraer as partes, oíla…

Eu emprego Finale, hai outros editores de partituras mais a loita semella que está entre Finale e Sibelius.  Non teño demasiada experiencia con Sibelius, ten a sona de ser  un programa estable, intutitivo e chulo…pero eu casei con Finale fai xa mil anos ou así e aprezo, entre outras cousas, o amplo desplegue de instrumental orff que exhibe na súa paleta.

No seu debe, anotar que é moi caro (aínda que se eres profe podes conseguilo á metade de prezo, uns 300 €, nun famoso almacén de instrumentos alemán de venda on line, só precisas un certificado da dirección do teu centro), mais o problema do prezo é común a todo o software profesional, e tampouco é demasiado estable, en estándares macintosh. Aínda que mellorou moito con algunha que outra actualización.

Para sacarlle o máximo partido é imprescindible ter dominadas as funcións Speedy entry, polo que escreves co teclado numérico, e Hyperscribe, pola que cunha configuración midi en condicións escreves mentras tocas. Unha vez que controlas os rudimentos da aplicación a usas para todo: composición, estudo, realización de exames…

A modo de mostra déixovos un borrador da Gymnopedie nº1, de E. Satie, na que estou traballando.  Este ano contamos poder tocar as tres coa Orquestra Orff.

Este é o Bolero composto por Jos Wuytack que a Orquestra Orff IES As Bizocas interpretou no festival Música nas túas palabras 2009. Inspirado na idea do famoso bolero de Maurice Ravel, a estrea deste ostinato in crescendo supuxo para nós unha proba de (modesta) madurez.

Quero felicitar  á miña compañeira de claustro, Menchu Outón, pola chulada de mural que realizou co seu alumnado de plástica. Tamén agradecer unha vcz máis á xente de Todogrove polo traballo de filmado e edición do video.

Grazas á xente de todogrove, que filmou enteiriño o recital que demos coa Orquestra Orff IES As Bizocas fai dous días na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey de O Grove,  pódovos deixar este resumo.

Saúdos moi especiais a D. Costas e a Miguel Muñiz, autor ademáis da foto do cartel deste ano.

Mañá é o día.  Todo o traballo dun ano vai ser posto a proba na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, en O Grove, ás 20:00 h.

Como xa vos dixen nun post anterior o programa deste ano céntrase na obra do compositor e pedagogo neerlandés Jos Wuytack (1935), do que imos tocar dúas pezas; Variations sur un air de pendule, (tema e nove variacións a modo de suite de danzas sobre a famosa melodía das campás de Westminster) e Bolero, á maneira do que conpuxera Maurice Ravel, mais para instrumental Orff.

Non faltará a lectura dunha selección dos poemas presentados ao III Certame de poesía Xosé A. Barral e, como remate, tocaremos os poemas gañadores deste ano.

Conto con tod@s vos!

música nas túas palabras 2007

Marsch der priester, a marcha coa que se abre o segundo acto do singspiel  ”A Frauta Máxica”, de W. A. Mozart (1756-1791), foi a primeira peza que interpretou a Orquestra Orff do IES As Bizocas na súa estrea pública, no Música nas túas palabras do 2007.

Á hora de orquestala para instrumental orff respetei básicamente a peza orixinal e, a modo de modesto descubrimento, comprobei que as partes de vento metal do orixinal casaban moi ben cos xilófonos.

Aquí vola deixo.

música nas túas palabras frag

Xa queda menos para celebrarmos unha nova edición do Festival Música nas túas palabras, no que a Orquestra Orff IES As Bizocas interpreta o repertorio no que levamos traballando todo o curso, que inclúe a estrea dos dous poemas gañadores do III certame de poesía Xosé A. Barral, que unha vez musicados, van collendo forma definitiva cos arranxos, colaboracións…

Este ano aproveitamos a oportunidade que nos brindou a asociación Con Negro de ir quentando motores tocando nas festas de San Vicente e agora xa estamos impacientes por voltar ao escenario.

Vai ser o 22 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, en O Grove.

Agardámosvos!

partitura-orquestra-orff-3

Onte xuntámonos os membros do xurado desta IIIª edición para elixir os poemas premiados nas dúas categorías do certame, E.S.O. e Bacharelato.

Ao final os premiados son os que seguen:

Categoría de E.S.O. Sinto, de Irene González Novas, do IES As Bizocas.

Categoría Bacharelato: Quen lle roubou a Rosalía? de Rubén Luengo, do IES Monte da Vila.

Parabéns!!!

En principio xa estabamos contentos coa participación récord deste ano (45 orixinais); a apertura do concurso a tódolos centros de ensino secundario do país supuxo un esforzo extra para facer chegar a información a todas partes, para o que non podo deixar de agradecer a colaboración da administrativa do IES As Bizocas, Rosabel Magdalena, e do persoal subalterno, Javier Álvarez e Marta Estévez.

Mais había máis boas novas.  O certame apareceu publicado na web do portal educativo da Consellería de Educación e houbo algún instituto que participou facendo do certame unha actividade programada e coordinada desde a Biblioteca e o departamento de Lingua Galega, como foi o caso do IES de Vilalonga.

Foi estupendo ver como aos poucos ían chegando ao noso centro sobres con poemas de todas partes de Galiza.  Anima a seguir coa teima, desde logo que si.

Quero tamén agradecer aos outros membros do xurado que este ano presidiu o mestre que leva o nome do concurso, Xosé A. Barral Figueiro; Patricia Arias, profesora de Lingua Galega e Coordinadora do E.D.N.L. do IES As Bizocas,  Antón Mascato, concelleiro de cultura do Concello de O Grove e  Tito Díaz, profesor de Lingua Galega do IES Monte da Vila.

Agora queda todo o traballo de musicar, arranxar e ensaiar os poemas para que os estree a Orquestra Orff do IES As Bizocas a fin de curso no Festival Música nas túas palabras.  Niso estamos.

orquestra orff ies as bizocas
Hoxe foi un día de duro ensaio coa Orquestra Orff. En total foron case 4 horas de volta e reviravolta ao repertorio deste ano que, anticipo, vaise centrar en obras de Jos Wuytack.
Encántame esa foto que sacamos durante un pequeno descanso antes de retomar o traballo. Non deixa de impresionarme a vitalidade dos chavales e a súa capacidade de compromiso. Levabamos case tres horas ensaiando unha peza que apenas dura 6 minutos…e tan contentos!

Polo boletín informativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria souben que a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais pon ao noso alcance un buscador de recursos musicais que contén 2000 fichas de compositores e compositoras do noso país dentro da chamada música artística. 

Podemos realizar as nosas búsquedas por voces, instrumentos e formacións, así como por autor ou título. Desde Marcial del Adalid a Margarita Viso estamos a un click de distancia dun rexistro exhaustivo que mesmo recolle o grao de dificultade de execución da obra obxecto da nosa procura.  Mellor que mellor: a maior parte das obras pertence a autores aínda en activo.

Con algunha ausencia que máis cedo que tarde será presenza, a tarefa de superarmos a esquizofrenia de descoñecer a música que nós mesmos facemos segue en marcha.  Parabéns e adiante co empeño.

 

De esquerda a dereita, a Orquestra Orff do IES As Bizocas máis Pablo Bernárdez Mato -o primeiro pola dereita dos sentados arriba-, o profe de música do CEIP As Vizocas que colaborou xenerosamente coa súa zanfona.

Gosto moito desta foto porque fala de cada un, de cada unha e do ben que o pasamos.  Ese foi o día do primeiro concerto da segunda edición do festival Música nas túas palabras, na Casa da Cultura de San Vicente de O Grove, o xoves 19 de xuño. 

Nalgúns casos si que se cumple iso de que a cara é o espello da alma.  Mellor habería que dicir que este é o retrato colectivo dun momento e dun empeño.  Vexo ao fondo a Lissett en plan pose, a Sara como reclamándolle algo ao obxectivo, a Irene coa súa reserva de pensamento no ollar, entre ela e Claudia a imaxe esquiva de Álvaro,  Rodrigo semella xogar co cabaliño de xoguete, aínda que o que en realidade está facendo é completar a composición tanto formal como narrativamente (e o mellor é que el é absolutamente consciente diso), Daniel coa súa inseparable frauta tenor…e os de arriba?  Mirade a Cristian, o segundo pola esquerda, semella dicir: por fin, estou na orquestra!

Se queredes saber o que tocamos e con que medios podedes baixarvos o programa.  

Cómo nos saíu? Quedamos máis contentos o segundo día, no concerto para o instituto estabamos máis relaxados e cun día máis de experiencia.  Houbo momentos en que ata nos permitimos facer música.  Non sei se me explico.

Esta experiencia orff está resultando moi gratificante e o feito de que unha simple idea cale na xente e acabe por ser parte da súa vida non deixa de parecerme un miragre.

Grazas