Este é o Bolero composto por Jos Wuytack que a Orquestra Orff IES As Bizocas interpretou no festival Música nas túas palabras 2009. Inspirado na idea do famoso bolero de Maurice Ravel, a estrea deste ostinato in crescendo supuxo para nós unha proba de (modesta) madurez.

Quero felicitar  á miña compañeira de claustro, Menchu Outón, pola chulada de mural que realizou co seu alumnado de plástica. Tamén agradecer unha vcz máis á xente de Todogrove polo traballo de filmado e edición do video.

Grazas á xente de todogrove, que filmou enteiriño o recital que demos coa Orquestra Orff IES As Bizocas fai dous días na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey de O Grove,  pódovos deixar este resumo.

Saúdos moi especiais a D. Costas e a Miguel Muñiz, autor ademáis da foto do cartel deste ano.

Mañá é o día.  Todo o traballo dun ano vai ser posto a proba na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, en O Grove, ás 20:00 h.

Como xa vos dixen nun post anterior o programa deste ano céntrase na obra do compositor e pedagogo neerlandés Jos Wuytack (1935), do que imos tocar dúas pezas; Variations sur un air de pendule, (tema e nove variacións a modo de suite de danzas sobre a famosa melodía das campás de Westminster) e Bolero, á maneira do que conpuxera Maurice Ravel, mais para instrumental Orff.

Non faltará a lectura dunha selección dos poemas presentados ao III Certame de poesía Xosé A. Barral e, como remate, tocaremos os poemas gañadores deste ano.

Conto con tod@s vos!

música nas túas palabras 2007

Marsch der priester, a marcha coa que se abre o segundo acto do singspiel  ”A Frauta Máxica”, de W. A. Mozart (1756-1791), foi a primeira peza que interpretou a Orquestra Orff do IES As Bizocas na súa estrea pública, no Música nas túas palabras do 2007.

Á hora de orquestala para instrumental orff respetei básicamente a peza orixinal e, a modo de modesto descubrimento, comprobei que as partes de vento metal do orixinal casaban moi ben cos xilófonos.

Aquí vola deixo.

música nas túas palabras frag

Xa queda menos para celebrarmos unha nova edición do Festival Música nas túas palabras, no que a Orquestra Orff IES As Bizocas interpreta o repertorio no que levamos traballando todo o curso, que inclúe a estrea dos dous poemas gañadores do III certame de poesía Xosé A. Barral, que unha vez musicados, van collendo forma definitiva cos arranxos, colaboracións…

Este ano aproveitamos a oportunidade que nos brindou a asociación Con Negro de ir quentando motores tocando nas festas de San Vicente e agora xa estamos impacientes por voltar ao escenario.

Vai ser o 22 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, en O Grove.

Agardámosvos!

orfeoAs súas siglas en inglés son IMSLP, aínda que é máis coñecido como a Biblioteca Musical Ottaviano Petrucci.  Este proxecto, baseado no software MediaWiki, ten como obxectivo a creación dunha biblioteca virtual de partituras libres de dereitos, por pertenceren a edicións que xa pasaron ao dominio público ou por partiren de licenzas Creative Commons.

Desde o seu inicio en 2006 xa ten incorporadas máis de 27000 partituras e compleméntase con outro esforzo similar, The Mutopia Project.  Ambas permiten a contribución voluntaria en canto aos contidos e ao desenvolvemento técnico (axuda co software, coas traducións…).

jos-wuytackXa vos comentei nun post anterior que o repertorio deste ano da Orquestra Orff IES As Bizocas íase centrar na obra de Jos Wuytack,  que ademáis de compositor é un dos máis grandes especialistas en pedagoxía musical que hai no mundo.  Así que en canto souben dos cursos que organiza en Vigo a asociación Música Activa, faltoume tempo para apuntarme. Pensei en todo o que podía aprender para mellorar o proxecto da orquestra da man do probablemente máis destacado discípulo de Carl Orff.  Unha verdadeira lenda.

E, de certo, pagou a pena adicarlle parte das vacacións de Semana Santa ao método e á persoa (un adorable leaozinho flamenco) de Jos.  Aos seus 74 anos desbordantes de vitalidade segue dando clases polos 5 continentes entregado a espallar o seu sistema de aprendizaxe musical, que ninguén dubida en considerar fundamental para abordar o ensino da música nas etapas de primaria e secundaria.

Durante catro intensos días aprendín cancións, bailes, mímicas, acompañamentos, técnicas…unha chea de cousas para o disfrute e a utilidade.

Por moitos anos mestre Jos!

partitura-orquestra-orff-3

Onte xuntámonos os membros do xurado desta IIIª edición para elixir os poemas premiados nas dúas categorías do certame, E.S.O. e Bacharelato.

Ao final os premiados son os que seguen:

Categoría de E.S.O. Sinto, de Irene González Novas, do IES As Bizocas.

Categoría Bacharelato: Quen lle roubou a Rosalía? de Rubén Luengo, do IES Monte da Vila.

Parabéns!!!

En principio xa estabamos contentos coa participación récord deste ano (45 orixinais); a apertura do concurso a tódolos centros de ensino secundario do país supuxo un esforzo extra para facer chegar a información a todas partes, para o que non podo deixar de agradecer a colaboración da administrativa do IES As Bizocas, Rosabel Magdalena, e do persoal subalterno, Javier Álvarez e Marta Estévez.

Mais había máis boas novas.  O certame apareceu publicado na web do portal educativo da Consellería de Educación e houbo algún instituto que participou facendo do certame unha actividade programada e coordinada desde a Biblioteca e o departamento de Lingua Galega, como foi o caso do IES de Vilalonga.

Foi estupendo ver como aos poucos ían chegando ao noso centro sobres con poemas de todas partes de Galiza.  Anima a seguir coa teima, desde logo que si.

Quero tamén agradecer aos outros membros do xurado que este ano presidiu o mestre que leva o nome do concurso, Xosé A. Barral Figueiro; Patricia Arias, profesora de Lingua Galega e Coordinadora do E.D.N.L. do IES As Bizocas,  Antón Mascato, concelleiro de cultura do Concello de O Grove e  Tito Díaz, profesor de Lingua Galega do IES Monte da Vila.

Agora queda todo o traballo de musicar, arranxar e ensaiar os poemas para que os estree a Orquestra Orff do IES As Bizocas a fin de curso no Festival Música nas túas palabras.  Niso estamos.

orquestra orff ies as bizocas
Hoxe foi un día de duro ensaio coa Orquestra Orff. En total foron case 4 horas de volta e reviravolta ao repertorio deste ano que, anticipo, vaise centrar en obras de Jos Wuytack.
Encántame esa foto que sacamos durante un pequeno descanso antes de retomar o traballo. Non deixa de impresionarme a vitalidade dos chavales e a súa capacidade de compromiso. Levabamos case tres horas ensaiando unha peza que apenas dura 6 minutos…e tan contentos!

Música nas túas palabras 2008, foto M. Muñiz

No IES As Bizocas vimos de convocar  a terceira edición do certame de poesía Xosé A. Barral.  

Esta iniciativa, que partiu da biblioteca do instituto durante o curso 2006-2007, diríxese por primeira vez a todo o alumnado de secundaria e bacharelato do país. O novedoso do noso certame está na estreita vinculación que se establece entre palabra e música.  Os poemas son musicados e estreados pola Orquestra Orff IES As Bizocas durante o festival Música nas túas palabras que celebramos a finais de xuño.

Tedes ata o 16 de marzo para participar. Podedes baixar as bases aquí.

Páxina seguinte »