Fai uns meses o Equipo de Normalización Lingüística do CPI Don Aurelio de Cuntis puxo en marcha un proxecto que intenta compensar dalgunha maneira o exiguo da presenza nos medios de comunicación da música cantada no noso idioma. Trátase dunha iniciativa que conta coa colaboración do concello de Cuntis da que podedes ler máis e mesmo baixar un tríptico informativo desde aquí.

Un pouco antes de ter noticia de Musigal a través de Román Landín, eu mesmo levara a cabo co meu alumnado de música no IES As Bizocas unha actividade que non pretendía máis que sacar á luz polo menos parte dos seu hábitos de escoita.  A actividade era tan simple como traer a clase unha canción nun soporte reproducible por unha computadora, presentala diante dos compañeiros, falar un pouco da letra, pouco máis.  O 9% achegou un cd orixinal, o 4,5% (2 en total) das cancións estaba en galego, as dúas de Heredeiros da Crus, por certo.

Centrándonos no tema do idioma é evidente que existe unha desconexión entre a música que consumimos e a que producimos @s galeg@s.  Moito me temo que a demanda non se corresponde coa oferta, nin coa calidade da mesma.  Non só é unha mágoa que a máis importante explosión de talento que nunca houbo na música popular do país (a que comezou a mediados dos 90) esté chegando na práctica a tan pouca xente.  Tamén estamos ante unha disfunción do mercado que dificulta o noso desenrolo humano e económico nunha industria, a cultural, que constitúe un pilar determinante en calquer economía avanzada.  Disque un empresario do cimena dos Estados Unidos dixo unha vez: “Nós producimos películas boas, regulares, malas e moi malas…o problema é que queremos vendelas todas”. Nós non podemos vender nin os nosos mellores produtos; a nosa música está fóra dos circuitos comerciais. Sobrevive en pequenos locais de concertos, tamén en recintos grandes mais son moi poucos os que poden chamarlle xira ao que máis ben semella unha sucesión de actuacións sen planificación aparente, en discos autoproducidos e polo menos en parte subvencionados – e iso non é malo, non hai sector produtivo sen subvencións -, dos que como moito se venden dúas ou tres mil copias. 

Por aí temos que empezar a diagnosticar o estado das cousas.  Moita xente alude á singularidade cultural para xustificar leis que protexen a industria cinematográfica da omnipresencia e omnipotencia de Hollywood.  Francia, por exemplo. Tamén hai quen non está dacordo desde as posicións máis liberais e afirma que haille que deixar todo ao mercado. Pero non sexamos inxenuos, o mercado non é libre dabondo.

España, problemas de pirataría aparte, é un pais singular: non está tan “colonizado” pola música en inglés como o pode estar Alemania e o mercado na súa lingua maioritaria, o castelán, é case planetario. A música popular que se consume é predominantemente nese idioma. Pero o castelán non é o único idioma oficial en España e os que temos outro (xa o consideremos único, propio,  propio mais non único, propio complementario, etc…) tamén temos dereito a invocar a nosa singularidade cultural. Tamén temos dereito a vender as nosas producións en galego, ben sexan boas, regulares, malas ou moi malas.  E de paso vertebrar o noso tecido industrial. 

Temos dereito, non si?

Fagamos unha proba; mira esta presentación, a ver a quen podes identificar.  O que escoitas é “Ari Ari”, de Nordestin@s.

[splashcast c BHXC1617DP]

Advertisements