Non sei que máis podería engadir á figura de John Loincloth.  Quizais que el foi o primeiro home en dicir non a unha xerra de cervexa mentras os clientes do pub que frecuentaba loubaban, poéticamente claro, a beleza de Mary Joe Beastie, a camareira.  Quizais que el era sempre o derradeiro feligrés en abandonar a igrexa para así ter tempo de comentarlle a Zephyr Loudblow, pastor da congregación dos Servos Das Catro Voces, maioritaria en Harrisburg, Pensilvania, o sermón do día.  Amais diso podería engadir tamén que el foi a primeira persoa en ser fotografiada no condado de Dauphin.  Corría o ano 1840.

Foi retratado así por Jeremiah Peeper, discípulo do pioneiro da fotografía Josiah Johnson Hawes, que desde Boston chegara á cidade do Susquehanna para testemuñar cómo cambiaba o conto en Harrisburg e todo iso.

Aquel fora un día tranquilo para John Loincloth e tuvera tempo dabondo para poñer o seu mellor traxe e ir a que o peitearan ao estilo da tormenta e do ímpetu.  Non sabía por que o escolleran a el.  Non se consideraba un especimen.  Nin sequera nacera en Pensilvania.  Ao mellor Jeremiah Peeper tampouco quería un retrato do típico cidadán medio nunha imaxe chea de realismo e honestidade.  Quizais o que quería era un prototipo do que debería ser un home en 1840, cos pés na terra e o ollar no futuro.  Na procura dun auténtico soldado da civilización John Loincloth era o seu home.

O feito en si, o do retrato, producíuse o 28 de marzo na illa de Three Mile.  Alí prantara Jeremiah o seu estudio porque a forma da illa e a súa situación no medio do río a carón do centro da cidade lembráballe á Tiberina e a Roma.  Un pouco collido polos pelos, supoño, mais cada quen lembra o que quere ou o que pode.

Antes do feito en si conversaron.  Jeremiah Peeper preguntoulle a John Loincloth polo ferrocarril.  John Loincloth preguntoulle a Jeremiah Peeper pola técnica do daguerrotipo.  Niso e en preparar o material e compoñer a figura pasou o tempo antes do feito en si, que se prolongou vinte e cinco minutos.  Ambos ficaron contentos co resultado.

Advertisements