Seguramente foi a través do meu amigo Abel Díaz que souben de The Wire. O verán pasado faloume, co seu particular (e compartido) entusiasmo, desta e doutras series de televisión nas que pagaba a pena reparar: “Mad Men”,  “Life on Mars”, “A tres metros baixo terra”…eu ata entón só percibira dese bule bule televisivo  algún eloxio adicado a “Os Sopranos”. Ata aquela conversa co meu vello amigo Abel eu estaba secuestrado polo escepticismo, de feito xa comezara a pensar que en internet a televisión atopara por fin a súa némese.  Estaba equivocado.

Procurei na rede e atopei Espoiler, o blog de Hernán Casciari, un crítico de televisión que tiña alí publicado un artigo de series recomendadas entre as que sobresaía The Wire.  Así que seguindo o consello dun vello amigo e dun crítico que me pareceu digno de creto fíxenme coa primeira tempada e uau!!!…ou……!!! aí que cada quen poña a súa exclamación de asombro e admiración que prefira.  The Wire era a mellor calquercousa de ficción que vira en anos.

Hernán Casciari dicía no seu artigo que The Wire “…é a verdade e a realidade”, o negativo de C.S.I., onde tal vez o principal atractivo sexa a impúdica exhibición da mentira como paradigma do zeitgeist que nos toca. Eu, como Hernán, tamén estou lonxe de poder falar desapaixonadamente.  En The Wire o talento de guionistas, directores e do elenco de actrices e actores elévase ata o punto de fusionar nun todo a De Sica e Rosellini con Coppola e Welles e a todos eles con Shakespeare, como acontece ao final da terceira tempada. Un semella mergullado nunha obra que parecía imposible imaxinar, crear e mesmo poñer en antena.  Sen concesións ao políticamente correcto e amosando un total desprezo polo que se supón que espera o espectador medio dunha serie policial, The Wire acada tanto como pretende sen saír dos límites dunha cidade, Baltimore, Estados Unidos, que é escolma do mundo enteiro.

 

Advertisements