unha bicicletaEsa bicicleta abonda para facer biografía e ficción.  Foi así retratada no centro de Amsterdam en 2005 e a súa historia non ten máis profundidade da que pode ter un canal nin máis pasado que presente. Sei que aínda sobe e baixa as costiñas da cidade tremendo polas rúas de lastras e fochas suaves e mareada polo tráfico dos tranvías cheos de turistas españois en semana santa ou nunha ponte calquera.  Foi de Inge e de Jonas, de Ruta e de Latifah. Roubouna Missay, a xaponesa extravagante.  Alugouna Sebas e despois Josito no Vondelpark. Esnaquizouna Hendrik e resucitou no taller de Bernard.

Nun escorzo tremendo cara aos neons verdes do fondo vai a estrada e por ela a bicicleta coa súa pasaxe movida. No medio do ir a algures o contorno é móbil e o perfil esváese.  A pasaxe está sendo a cada instante, non está claro se home ou muller (semella muller; a cabeza pequena, ese porte semi-amazónico…).  En todo caso parece clara a bufanda vermella.