manuel-duran-garcia-memoria-do-mar

Ese home que vedes agachado no centro da foto era o meu avó paterno, Manuel Durán García. Morreu cando eu tiña apenas un aniño e non puiden coñecelo.

Eu sei do mar por que mo contaron. Na nosa familia non se falaba doutra cousa e as historias do mar conforman a práctica totalidade da nosa historia. Non sei quen dixo que a infancia era a patria verdadeira das persoas. Se iso é certo moitos homes e mulleres da Galiza temos a patria no mar.

Ata o 1 de febreiro de 2009 pódese visitar en Vigo, no  Museo do Mar de Galicia, a exposición A Memoria do Mar, un proxecto de dixitalización de álbumes familiares que reflicte a estreita vinculación entre as xentes do noso país e o mar.

A iniciativa parte do propio museo en colaboración coa  Federación Galega de Cofrarías de Pescadores e o que se amosa é unha selección das máis de 4,000 fotografías que polo de agora se recolleron grazas ao interese dos máis de 200 doantes pertencentes a 25 localidades costeiras.

Unha boa escusa para coñecer ou revisitar un museo vivo coma poucos.