Pablo SeoaneDebeu ser no ano ´93 cando lle levei por primeira vez  unha guitarra para que ma arranxara. Era unha Ibanez electroacústica, non lembro o que tiña.  Máis tarde salvoume dun apuro tremendo cando a electrónica da miña Washburn (meu deus que mal me saira aquela guitarra) volvía a dar problemas a un día dun concerto crucial na Feira das Mentiras de Manu Chao. Pablo fíxolle un apaño dos que el facía: profesionalmente impecable.  El mesmo levouma a onde ía celebrarse o concerto escenificando un deses salvamentos no último minuto, todo amabilidade e modestia verdadeira. Últimamente ocupábase dunha Godin coa que ando desde fai case 9 anos.  

Con Pablo sentías que contabas cando ninguén contaba contigo.  Logo seguía facéndote sentir o mesmo, arroupándote coa súa voz doce, coa súa modestia verdadeira. Morreu fai uns días. Tiña 60 anos. Ao seu enterro en Conxo, Santiago,  foi moita xente. Ademáis de luthier era o xefe de talleres da Axencia Galega de Industrias Culturais.

Esa foto da axencia EFE  faille xustiza ao bo de Pablo.  Tiña pendente postear desde fai días. Entre os borradores do meu blog hai un intento sobre a salvaxe política israelí en Palestina e outro sobre o asunto de Galicia Bilingüe, (os manifestantes, os contramanifestantes…).  Mais entendede que antepoña a todo iso falar de xente boa e seria como Pablo Seoane.  Descansa en paz amigo. Déixasnos a tod@s un pouco orfos.