partitura-orquestra-orff-3

Onte xuntámonos os membros do xurado desta IIIª edición para elixir os poemas premiados nas dúas categorías do certame, E.S.O. e Bacharelato.

Ao final os premiados son os que seguen:

Categoría de E.S.O. Sinto, de Irene González Novas, do IES As Bizocas.

Categoría Bacharelato: Quen lle roubou a Rosalía? de Rubén Luengo, do IES Monte da Vila.

Parabéns!!!

En principio xa estabamos contentos coa participación récord deste ano (45 orixinais); a apertura do concurso a tódolos centros de ensino secundario do país supuxo un esforzo extra para facer chegar a información a todas partes, para o que non podo deixar de agradecer a colaboración da administrativa do IES As Bizocas, Rosabel Magdalena, e do persoal subalterno, Javier Álvarez e Marta Estévez.

Mais había máis boas novas.  O certame apareceu publicado na web do portal educativo da Consellería de Educación e houbo algún instituto que participou facendo do certame unha actividade programada e coordinada desde a Biblioteca e o departamento de Lingua Galega, como foi o caso do IES de Vilalonga.

Foi estupendo ver como aos poucos ían chegando ao noso centro sobres con poemas de todas partes de Galiza.  Anima a seguir coa teima, desde logo que si.

Quero tamén agradecer aos outros membros do xurado que este ano presidiu o mestre que leva o nome do concurso, Xosé A. Barral Figueiro; Patricia Arias, profesora de Lingua Galega e Coordinadora do E.D.N.L. do IES As Bizocas,  Antón Mascato, concelleiro de cultura do Concello de O Grove e  Tito Díaz, profesor de Lingua Galega do IES Monte da Vila.

Agora queda todo o traballo de musicar, arranxar e ensaiar os poemas para que os estree a Orquestra Orff do IES As Bizocas a fin de curso no Festival Música nas túas palabras.  Niso estamos.

Para traducir ao castelán ou ao portugués

Advertisements