non teño nomeApareceu unha mañanciña como por arte de maxia, froito dunha noite de troula que deixou no instituto grafittis para a posteridade como Me cago en Budapest (?).  Esta escultura amonecada é xa merecedora de levar nome.  Suxestións?

Agora que comeza un novo curso, é tempo de fixar obxectivos desde este punto de partida enrarecido.  O clima político no que vivimos, cun goberno autónomo apostando pola desprotección da nosa propia lingua, desde a perspectiva de quen semella querer educar para o prexuizo e para a emigración, cunha concepción do país e da nosa cultura que un xa acreditaba superada, non semella o idóneo para acadar o que os que nos sentimos comprometidos consideramos urxente: construirmos entre tod@s unha sociedade máis consciente e máis próspera, que abdique no posible do feísmo…e do burrismo.

O obxectivo, polo menos a intención, ten que seguir sendo o de contribuír á mellora do noso sistema educativo, desde a convicción de que a educación é a ferramenta coa que podemos escribir ese futuro que, dise, non está escrito en ningures, pero que entre todos e todas escrevemos cada día.  Podemos tirar pola borda o noso idioma, pero iso non nos vai facer falar mellor inglés.  Podemos tirar ao lume unha maneira de sentir a realidade e mesmo a vida enteira, esa que aínda se pode sentir respirar na nosa boa xente, pero iso non nos vai facer máis audaces e competitivos na aldea global.

Con todo, este é un novo curso e as ilusións andan renovadas.  Convocaremos a IV edición do Certame de poesía Xosé A. Barral (que este ano vai presentar novedades importantes) e  a Orquestra Orff IES As Bizocas voltará en breve aos ensaios. Estamos ao que estamos.