Keith Richards, biografía desautorizadaAínda que seguramente non é a mellor aproximación posible (esa ten que ser á forza a autobiografía prevista para o 2010), Keith Richards, biografía desautorizada, de Victor Bockris, supón un divertido e necesario achegamento ao que desde fai 45 anos!!! é o motor creativo e espiritual de The Rolling Stones e un dos mellores guitarristas que ten dado o rock and roll.

Escrito á maneira dun documental, nun mosaico de voces propias, e artellado en torno á discografía do seu grupo, este libro rende homenaxe á persoa e ao icono dunha música lúcida, de raíz e talentosa que o mundo enteiro elixeu (e elixe) como medio de expresión desde fai xa máis de medio século.

Déixovos con Tumbling dice, unha das miñas preferidas dos Rolling, pertencente ao seu periodo dourado, o que vai desde 1968 a 1972, desde os discos Let it bleed a Sticky fingers.  Periodo marcado desde o punto de vista da interpretación polo uso da afinación aberta en sol (Re-Sol-Re-Sol-Si-Re), que polo que parece Keith Richards aprendeu doutro grande da guitarra: Ry Cooder.

Advertisements