Eu tiña un amigo que dicía que Mozart nunca falla, porque é coma os Beatles.  A min paréceme que Mozart é máis ben coma Joni Mitchell.

Nacida en Alberta, Canada, en 1943, esta perfecta descoñecida para o gran público é a autora dunha das coleccións de cancións máis valiosas e influíntes da música popular.  Hoxe escoitei Blue, o seu cuarto disco, editado en xuño de 1971.  Nel Joni toca a guitarra, o piano e o dulcemel dos Apalaches (!) e acompáñanna, entre outros, Stephen Stills e James Taylor.  As cancións falan de amor, da paz que faltaba (Vietnam) e das viaxes iniciáticas que non fan máis que alimenta-la morriña nun tempo no que ela mesmo confesaba sentirse coma o envoltorio de celofán dun paquete de cigarros.

Dicía ao principio que Mozart é máis ben coma Joni Mitchell porque ámbolos dous comparten o alento melódico, eses arcos infinitos nos que voan as palabras.