Supoño que moitos de vos estades xa ao tanto das fotografías que Ruth Matilda Anderson, da Hispanic Society of America, fixo da vida cotiá das xentes do noso país a finais dos anos vinte do século pasado.

A Fundación Caixa Galicia organizou unha mostra itinerante por distintas cidades de Galicia e aproveitando que agora está en Vigo, alá fomos. Sabíamos por Patricia Arias (do seu – espléndido – traballo no IES As Bizocas téñovos que falar con calma) da obra de Ruth Matilda, mesmo do libro que recolle unha selección destas impagables olladas á nosa xente.  Impagables por ben feitas e porque transmiten o cariño que Ruth chegou sen dúbida a sentir polo noso.

Aínda que non era a primeira vez que comtemplabamos aquelas fotos, non deixamos de ficar impresionados.  Os nosos avós xa nolo dixeron mais, a vida daquela tiña que ser durísima e aínda que só fora por iso, un non pode deixar de sentirse orgulloso por pertencer aquilo, por ser dalgunha maneira, consecuencia. Eu reparaba máis nas fotos da xente de Marín, claro.  Olga, a miña muller, nas da xente de Redondela, Amoedo, Arcade…  Os dous nas que tiñan que ver co Salnés.  E o noso Manuel loitando por tirarse ao chan, convencido de que aquel mármore de cores tan chamativas tiña que ter algún sabor especial.

Mestras agardabamos ao ascensor da saída, oín que un home duns corenta e tantos lle dicía á súa acompañante:  Ya sé que es nuestra historia pero a mi no me gusta un carallo.

Eu sentin unha pena moi, moi profunda cando oín iso.