Cando nos puxemos a musicar o poema gañador da edición deste ano do Certame de poesía Xosé A. Barral, démonos conta en seguida de que a cousa non ía ser doada.

Non estaba moi claro onde nos ía levar a forma e as palabras que a autora, Minerva Cao Puente, empregara. Así que probamos moitas cousas.  Eu estiven unha temporada colgado dun pedal de delay estupendo co que intentaba recrear o reflexo da lúa no río do poema…  Compoñentes da Orquestra Orff I.E.S. As Bizocas; Marta Díaz, Beatriz Escribano, Javier Pérez Barral… xuntábanse nos recreos na aula de música para, como dicimos no Grove, darlle vento á cousa.

Xurdiron deses e doutros intentos moitas ideas e ao final saíunos unha adaptación con certa atmósfera jazzística co seu chisquiño de risco.  O poema, agora canción, viaxa a cabalo de 2 tonalidades, si bemol maior e sol maior, para rematar na relativa desta última, mi menor.  É dicir, algo que debería estar prohibido nunha peza tan curtiña.

Eu vos pediría só que lle prestedes atención a unha cousa: ao silenzo.  Case 180 alumnas-os da E.S.O. escoitando unha música completamente descoñecida e allea nun principio ás súas preferencias, en absoluto e respetuoso silenzo.



Para traducir ao castelán ou ao portugués