Conta Patrick Barbier en La Venecia de Vivaldi (Ed. Paidós de música) que a prinicipios do século XVIII, o domingo previo ao tanto tempo agardado luns do célebre carnaval veneciano, ante o dux e os principais da Serenísima República, ceibábanse  (aínda que ben suxeitos con cordas atadas ás hastas) oito touros no patio do pazo para que primeiro dera conta deles unha xauría de cans de presa.  Logo, esgotados e terríblemente feridos polo combate, eran decapitados cunha espada enorme, cun mandobre: a arte consistía en cortarlles a cabeza dun golpe seco, sen que a folla tocara o chan.  Ese era o obsequio anual do gremio dos carniceiros ao seu máximo dirixente.

E iso era considerado un acontecemento nun carnaval que era obxecto da visita de xentes de toda Europa, marabilladas pola beleza da cidade e de tantas cousas como ofrecía e supoño que tampouco impasibles ante actos como o que vos describo arriba, actos entre os que non faltaban os encerros populares, curiosamente. E isto vén a conta polo que xa todos a estas alturas sabedes: a decisión do parlamento de Cataluña de prohibir as touradas (en realidade só as corridas) en votación celebrada fai dous días.

Non sei a vos pero a min ocórreseme dicir, por exemplo:

1º  Esa manía de dicir que é malo politizar as cousas; non é a política a xestión do común?

2º  A tremenda parcialidade coa que os medios de comunicación estatais tratan o asunto.

3º  A increíble defensa que fan moitos intelectuais do valor artístico e cultural das touradas, convertidas nunha especie de metáfora telúrico – celestial de complicada explicación e/ou xustificación.

4º Relacionado co punto tres: desde logo que no tráxico, na morte, mesmo na tortura, hai materia dabondo para facer arte mais, unha cousa é admirar o Descendemento da cruz de Van der Weyden e outra diferente é dicir que a crucifixión é unha arte, ou non?  Aínda que mellor exemplo do que digo é a Crucifixión de San Pedro de Caravaggio, polo cutre e casposo da escena.

5º O áspero que pode ser un país enteiro:  charmarlle ás touradas a festa nacional!!!

6º  O repasiño que precisamos todos (eu súmome por convicción, eh?) de conceptos tales como a liberdade e o exercizo da convivencia en democracia.

7º  A razón que tiña Antonio Muñoz Molina (un verdadeiro oasis) cando clamaba contra todo iso e contra o culto entre enfervorecido e prefabricado polos medios (ai! esa televisión pública…) ao matador José Tomás, nese artigo xa clásico que vos recomendo de corazón: El arte de matar.

8º  O mellor: penso que, establecido xa en términos éticos, este debate non vai parar.  O desenlace sabémolo todos.