Entre poesía e canción haivos desde sempre un diálogo que no que atinxe á música popular moi poucas veces é tan interesante como en Totem, o disco que baixo o nome de Narf publicou no 2007 o vocalista, guitarrista, baixista, letrista e pianista Fran Pérez.

Quizais a razón sexa que os textos de Fran non desmerecen en nada aos de Xelis de Toro ou Hélia Correia, por nomear a dous dos poetas que teñen sitio no disco. E as músicas coas que os viste séntanlle tan ben a uns coma aos outros. E que músicas!  En Afroblues, (tocado con ese raro talento para o acoustic fingerstyle blues)  o estilo semella feito para o galego.  En Santiago, o tropicalismo vai de volta por Nashville  antes de chegar a Mozambique para facer (cun xénero no que sería tan doado cargar cun feixe de tópicos: a canción de cidade) unha das mellores pezas do disco.

Por todas partes versos para anotar:  O que non se sabe é por que / O que non se entende é para que / O que non se ignora é , en O que non se sabe;  Nos non somos os donos do noso son, unha confesión de aculturización militante que en O noso son complétase con We need your skin to build our flesh; Non fago máis que atopar xente distinta / Coa mesma teima ca min / Non fago máis que ouvir voces / Que son a mesma voz, en Galician Lullaby…e tantos outros.

Cantado en galego, portugués e un chisquiño en inglés, este é un disco que fai tan presente a Galiza imaxinaria que semella que sempre estivo aí, agardando.

Para traducir ao castelán ou ao portugués