Con 67 anos de retraso, o pasado sábado 16 de outubro, puidemos por fin darlle descanso ao meu tío avó Benito Pastoriza Fariña, morto no penal do forte de San Cristovo, en Pamplona, en 1943, vítima do gulag franquista.

E nós diso non tiñamos nen idea.  Na familia dicíase de Benito que morrera na illa de San Simón, na ría de Vigo, a onde o levaron cando o colleron preso ao comezo da guerra civil, en 1936. Canda el foran outros veciños de Bueu, como o alcalde Johán Carballeira quen, a diferenza do meu tío, non tivo a sorte de que lle conmutaran a pena de morte por outra de morte máis lenta e, se cabe, aínda máis indigna, nun campo de concentración, comido polos piollos e arrasado pola fame e a enfermidade.

Quen sabe as que pasaría Benito.  Daquela, no sistema penitenciario español, con capacidade para acoller a uns 20.000 internos,  había máis de 270.000 presos políticos, moitos dos cales engrosaron as listas que testemuñan o cumprimento do exterminio dos adversarios do réxime proxectado polos sublevados contra a ley que encarnaba a Segunda República.  E disto, de que foi unha guerra de limpeza dos chamados “elementos esquerdistas”,  hai probas dabondo.

E vos preguntaredes que é o que fixo Benito Pastoriza Fariña en 1936 para que o condenaran a cadea perpetua e acabara morrendo aos 40 anos nun forte en Navarra.  Pois nada, pretender  ir a Pontevedra, a un acto de apoio á República, o que calquer home de ben e observante das leis faría agora se se convocara, por exemplo, un acto de apoio á Constitución.  Quizais o que lle pasaba a Benito é que era máis ou só un chisquiño máis consciente ca o resto.  Seguro que un artigo como este que estades lendo era suficiente daquela para condenar a alguén a un destino terrible.

A Benito identificárono porque, como no caso de moitos dos seus compañeiros de infortunio, o seu nome apareceu escrito nun papel dentro dunha botella que alguén soterrou con el, o 2 de xuño de 1943, no cemiterio de Ezkaba, xunto ao forte de San Cristovo.  O capelán do campo deixou ademáis un plano co nome dos sepultados naquel lugar, ao que agora lle chaman o cemiterio das botellas.  Vese todo perfectamente no video que pecha esta entrada.

É lóxico asociar a botella co nome dos mortos coa do náufrago, a que se deixa á deriva coa esperanza (e a desesperanza secreta) de que alguén saiba e acuda ao rescate.  A Benito Pastoriza Fariña rescatárono as boas xentes da Asociación Cultural Txinparta, a Sociedade de Ciencias Aranzadi, a Asociación de Familiares Fusilados en Navarra e a Asociación Amigos de Johán Carballeira.  A todos eles nós, na familia extensa e próspera en fillos, netos e bisnetos que fundou a súa irmá Dolores, os que coma min quedamos para manter viva a súa memoria recuperada, lles debemos algo que non ten prezo.

Grazas.

Para traducir ao castelán ou ao portugués