Hai libros que envelenan, que o horror que describen é tal, que achégaste a eles como con medo, non  vaia ser que a súa lectura remate por conxurar contra un a monstruosidade que conteñen.  Hai libros que sangran.

Dos que eu coñezo apunto La piel del lobo (muchnik 1993), do cantante de ópera e sobriño de Alban Berg, Hans Lebert; 2666 (anagrama 2002), de Roberto Bolaño; Las Benévolas (rba 2007), de Jonathan Littell, e Home sen nome (xerais 2006), de Suso de Toro, que acabo de ler. En todos estoupa o totalitarismo salvaxe da Europa do século XX, e nos tres últimos a paisaxe do armaguedón, a do frente do leste na IIª Guerra Mundial.

Home sen nome céntrase na represión fascista desatada en Santiago de Compostela no verán de 1936.  Sinala aos asasinos, ás vítimas e á sociedade que aínda sofre as secuelas do terror, cuxos nomes honrou nos das rúas, prazas, centros de ensino ou hospitais. Fala do importante que é a memoria para que todo aquilo non volte e para que tanta dor afogada se libere.  E todo, a través das palabras dun home sen nome que non deixa de ser unha metáfora da besta que aínda respira entre nós.

Para traducir ao castelán ou ao portugués