Fai máis ou menos un mes, pedínlle ás profes de galego do meu centro que me recomendasen algunha novela na nosa lingua.  Eu, un pouco en proceso de perder o hábito do xénero, seguín o seu consello ao pé da letra; as elexidas foran Romasanta, memorias incertas do home lobo, de Alfredo Conde;  Home sen nome, de Suso de Toro, (das que xa vos falei en entradas anteriores) e Ollos de auga (Galaxia, 2006), de Domingo Villar, que onte mesmiño rematei de ler.

Nesta novela negra, o inspector Leo Caldas desenlea o fío do terríbel asasinato do saxofonista Lois Reigosa por lugares tan familiares como a illa de Toralla, o cemiterio de Bueu ou as rúas de Vigo e, a pesares dun discurrir algo previsíbel, a trama engancha.  Un non deixa de pensar nas tremendas posibilidades que tería unha serie de televisión baseada no policía protagonista. Afinando un pouco aquí e alá, vexo a Sam Tyler e a Gene Hunt, ese vigués vocacional, (os heroes da memorábel serie da BBC Life on Mars) trasladados ao noso mundo, coma se tal cousa.

A que esperan?