Cando no xurado do IIIº Certame de poesía Xosé A. Barral limos os poemas que Rubén Luengo y Miguel del Corral presentara a concurso na categoría de bacharelato, quedamos impresionados; de xeito que, e a pesares da seria competencia que houbera ese ano, eliximos por unanimidade a Quen lle roubou a Rosalía? o poema gañador desa edición, a do 2008.

E o mellor foi que desde entón Rubén ten editados xa, a través de Todogrove edicións, dous poemarios:  Cien de ellas, en castelán, e Do inverno e as paredes, na nosa lingua.  O primeiro, unha recopilación de cantos desde a profundidade da adolescencia, con estralos de feísmo literario (existe tal cousa?) cortándolle o paso aos tópicos que asedian sempre aos escritores novos.  E o segundo, unha fervenza de referencias musicais  (Woodstock, The Beatles…), cinematográficas (Al Pacino, Woody Allen, Look back in anger…) e literarias (Gil de Biedma, Aldonza Lorenzo…), coas que o autor teima en Sonetos desarraigados ou, máis directamente, en Antisonetos, onde hai espazo para todo o que cabe.