De Das weisse band (A cinta branca, 2009), de Michael Haneke, dixéronse e dinse cousas moi serias: viaxe ás raíces do terrorismo, disección do substrato do fascismo, obra mestra sobre a xeración que deu luz ao nazismo…non sei.  Quizais demasiado para caber nunha soa película, nun só libro, nun só cadro, nunha soa obra musical.

Así, a decepción asoma cando un se achega a ela; conservadora desde o punto de vista formal, medio coxa desde o punto de vista argumental e coxa enteira no prantexamento de fondo, precisamente naquilo no que todo o mundo a glorifica.

Das weisse band acontece nun pequeno pobo alemán un pouco antes do comezo da Primeira Guerra Mundial.  Penso que calquera pode imaxinarse o ambiente: os campesiños, o señor feudal, o pastor , a rixidez luterana, a hipocresía, a represión e a violencia do mundo rural e dos métodos educativos…e de súpeto, unha serie de sucesos violentos comeza a alterar a aparente orde das cousas deixando ao descuberto a brutalidade e a estupidez que rixe o mundo dos adultos, decididos a perpetuar nos seus fillos o transcorrer inalterado das cousas.

E é aí onde Das weisse band perde o pé.  Cando pretende ofrecer un retrato do protonazismo nas consecuencias que nos máis novos teñen os desquiciados principios dos seus pais e , de paso, insinuar o xermen do totalitarismo no empodrecemento da moral rural.  Tal cousa un pouco eximiría aos que puxeron, na práctica, ao monstrou en marcha e, de paso, calmaría as nosas conciencias ao situa-la besta nun medio case alleo ou a piques de desaparecer.  E por iso esta película engana.  Por que o nazismo foi algo moi moderno, urbano, estreitamente vinculado á cultura de masas que nace co triunfo do capitalismo.  Por que, co nazismo, tamén se pretendía superar o mundo triste tristísimo que tan ben reflicte, por outra parte, esta película.