Momento agora de falar dun libro dos que marcan época:  Mixing audio (Focal press 2008), de Roey Izhaki, é un deses cos que un pon as ideas en orde, cos que un aprende, dos que abren portas, deses libros que un sinte valiosos desde a primeira páxina.

Cheo de exemplos prácticos, que aporta en formato dvd e explica polo miúdo nas súas páxinas, Mixing audio é un manual exhaustivo sobre a arte (a arte si) da mestura de obras musicais, sobre algo que contribuíu decisivamente a facer da música unha expresión vinculada íntimamente ao desenvolvemento da tecnoloxía.

Aquí está todo o preciso: edición, mestura, masterización, monitoraxe, daws, faders, o panorama, ecualizadores (49 páxinas adicadas especialmente á ecualización!), compresores, limitadores, portas, expansores, delays e outras ferramentas de modulación….insisto: imprescindíbel.  O mesmo libro é ademáis a escusa dun foro de discusión e intercambio de información moi interesante.