Hehehe, en realidade un switcher, usuario de Mac desde xaneiro do 2008.  Desde fai pouco, si, mais eu sempre quixen ter unha computadora de Apple.  Eran as que só atopabas nos estudios de gravación, chulísimas.  Destacando mesmo no ambiente tan saturado de tecnoloxía dos estudios, para min ter unha significaba pasar a outro nivel: ao dos músicos profesionais.

O meu último pc era un clónico feísimo; unha torre beige e gris que ademáis facía un ruído tremendo.  Tiña instalado Windows XP e xa sufrira a terrible experiencia de perder todos os meus datos por culpa dun virus; editaba audio con Audacity e un pouco con Cakewalk e facía bases con Fruity loops.  O meu editor de partituras era (e segue sendo) Finale.  Editar video era para min unha especie de soño inalcanzable e usaba internet dunha maneira moi pasiva.

Un bo día decidínme e merquei un xigantesco iMac.  Desde entón todo cambiou.  Comprendín que, efectivamente, a tecnoloxía podía servir de amplificador da nosa intuición, das nosas ideas, do noso traballo.  Aquela máquina semellaba estar feita por xente moi seria que ademáis amaba a informática.  Todo funcionaba á perfección, por fin podía concentrarme só en producir, sen ter que perder xa máis nunca un só minuto do meu tempo en desfragmentar, formatear ou trapichear cos programas. Ademáis todo tiña unha pinta estupenda, o software (as iconas, o dock…) e o hardware (o teclado era unha plancha de aluminio con teclas suavísimas de branco impoluto…).

E todo era culpa dunha persoa, de Steve Jobs.  Desde o seu pasamento, o mércores pasado, sucédense as homenaxes, os especiais de televisión, os artigos nos xornais…todos resaltando a obra do home que inventou o futuro mediante uns aparatos que, ademáis, deseñábanse para ser belos.  Jobs sabía que as persoas que aprecian a beleza estan dispostas a pagar máis por unha computadora ou por un dispositivo móbil, e tamén sabía que apreciar a beleza é unha forma de coñecemento.  E diso se trata: de saber e de transformar o coñecemento, de compartilo.

Advertisements