Iníciase con esta película unha nova sección no blog, adicada ao cinema musical e, en xeral, ao cinema coa música como contexto ou como pretexto.

Backbeat (1994), de Ian Softley, retrata os inicios de The Beatles na súa etapa na cidade alemana de Hamburgo, onde aprenderon o oficio a base de pura necesidade: obrigados a extenuantes xornadas de non stop rock and roll (hai fotos na rede onde se poden ver aos 5, daquela, beatles esgotados, tocando sentados nos amplificadores), diseccionaron o repertorio dos pioneiros do rock ata dominalo de arriba a baixo.

Aínda que en toda a película non soa ningunha das composicións de Lennon e McCartney, a música é interesante na medida que pretende rescatar a esencia aínda sen domar pola industria dos de Liverpool, unha especie de protopunk que na banda sonora orixinal se encargaron de recrear destacados músicos dos noventa como Thurston Moore, de Sonic Youth, Mike Mills, de R.E.M., ou Dave Grohl, de Nirvana.

Con todo, o resultado non é dos de botar foguetes.  O guión céntrase na relación entre John Lennon e o seu amigo, o pintor e baixista accidental Stu Sutcliffe, e o triángulo amoroso entre estes e a fotógrafa alemana Astrid Kirchherr, historia que, con toda a súa carga dramática, sostense polos pelos, seguramente por culpa duns personaxes planos e maltratados por momentos; John Lennon é un palurdo insensible, Paul McCartney…pobriño Paul McCartney.

Recomendable como introdución á chegada a Europa do rock and roll, para 4º da ESO e para Bacharelato, que só se lles ocorreou aos Beatles facerse profesionais no Reeperbahn, entre mariñeiros e soldados bébedos, compartindo escenario con strippers.