Tiña pendente un post sobre o comezo do curso e o primeiro que fixen foi repasar os que escribín con motivo do comezo dos dous anteriores, a ver se había algún fío condutor, ou unha tendencia que explicase por si mesma o cariz que, ao longo prazo, van tomando os acontecementos.

No primeiro, no do curso 2009-2010, andaba eu preocupado pola política lingüística do novo goberno da Xunta de Galicia, axitando os demos da aculturización e iso.  Ao ano seguinte a miña preocupación xa era máis xeral, invocaba ao espíritu do Gatopardo no medio dunha corrente de pensamento na que, máis ben ás apalpadas, apostaba todo ou nada ao optimismo.

E total para chegar a este 2011-2012.  Un curso con moitas novidades, o meu primeiro ano en Moaña, no I.E.S. As Barxas, onde xa andan en marcha varios proxectos que de seguro me van ter ocupado e ilusionado todo o ano, mais évos unha mágoa que a mellor imaxe que atopo para ilustrar o que pasa é a que vedes arriba, tomada hoxe mesmo pola mañá, nunha nova protesta polos recortes en educación do goberno galego.

Vendo as cousas en perspectiva, a realidade semella a crónica dun deterioro do que non se vislumbra saída, mais ben ao contrario, e se titulei o post de fai dous anos De volta, o do ano seguinte, De media volta e o deste ano De volta e media, dame a min que o do que vén vai ser De revira volta, polo menos.

Así que pecho o post sen optimismo posible e confío na miña nula capacidade para predicir o futuro.  Darlle a volta á tendencia xa só vai ser cousa dos ilusos sen remedio.   Teño a sorte de ter uns cantos arredor, eles ben saben que poden contar comigo.