Máis dos Beatles.  Desta volta con El sonido de los Beatles (Indicios 2011), un libro especialmente revelador sobre os catro de Liverpool, centrado nas súas aventuras nos estudios de gravación a través do que foi o seu enxeñeiro de cabeceira, Geoff Emerick, que con só 15 anos entrou a traballar como asistente nos estudios Abbey Road, en Londres, para chegar a ser, apenas cinco anos despois, o máximo responsable da gravación do mítico album Sgt. Pepper´s Lonely Hearts Club Band.

Aínda que o vas disfrutar especialmente se tes que ver de maneira directa coa música, esta é unha obra que aporta máis sobre a forma de traballar dos Beatles e sobre a relación que existía entre Paul, John, George e Ringo, e entre eles e o mundo, que a maioría de biografías que tiven a oportunidade de ler e é ademáis unha testemuña moi valiosa sobre unha arte, a de facer realidade cos medios técnicos dispoñibles a intención artística, ferida de morte pola actual crise da industria discográfica.

Advertisements