Hai algo que sempre boto en falta nas películas sobre músicos.  Non sei moi ben o que é.  Será que teño a sensación de que os que as fan non saben do que falan e fastídiame vernos soterrados baixo unha tonelada de tópicos ridículos (O meu nome é Bach, de Dominique de Rivaz) e envoltos nunha, no mellor dos casos, atractiva mentira (Amadeus, de Milos Forman).  Supoño que non será doado tratar con rigor a música, ou calquer outro tema, sen facer unhas cantas concesións ao espectador medio que, no fondo, nin sabe nin quere saber e prefire continuar manexando os lugares comúns que fan dos que nos adicamos a unha disciplina artística, unha especie diferente a cabalo da excentricidade e dos demos da inspiración.

Menos mal que temos a David Simon, que non contento con ser o creador da policíaca The Wire ( a serie que fixo por fin do medio televisivo unha plataforma de arte maior), está realizando xunto a Eric Overmyer, o mellor achegamento do audiovisual ao mundo da música que coñezo: Treme.  Nunca antes vira eu á música e aos músicos tratados con maior criterio, respeto e profundidade. Na Nova Orleans despóis do Katrina, a música revélase como o verdadeiro cemento da reconstrución; o blues e o jazz pero tamén a música de antes do blues e de antes do jazz.  O tremendo latexo dunha cultura e dun país, os Estados Unidos, que quizáis teñan na música a mellor razón da súa existencia e quen sabe se da súa xustificación futura.

Con cameos de Elvis Costello, Cassandra Wilson ou McCoy Tyner, facendo de si mesmos, Treme é por encima de todo unha declaración de amor de David Simon, un autor xa xigante.