Non agardaba que por ser un cíclope e obrar en consecuencia, ía rematar os meus días pendurado medio torto na fachada dunha casa en ruínas.  Eu, fillo dun deus e dunha ninfa, son agora un graffiti psicodélico de apelido Vinteún.  Por iso teño esa cara, medio tristeira e medio abraiada, coma quen non é moi consciente todavía da súa sorte.

Sei que non é preciso que vos conte o que aconteceu para que eu viñera acabar aquí, deste xeito tan estrañamente prosaico. Moitos coñecedes a miña historia e ben sabedes que vivides en tempos malfadados, malos para a lírica, nefastos para a mitoloxía e, polo demáis, inmisericordes coma sempre.

Que Ulises me deixara cego non foi máis que un lance dunha fábula na que vos podedes recoñecer todos.  Ulises Laértida, listo e desalmado coma un político posmoderno, gañou.