En 1637 unha compañía romana levou a ópera a Venecia, ao teatro San Cassiano, o primeiro ao que se podía acceder mediante a adquisición dunha entrada.  Desde ese mesmo momento o novo xénero fíxose tan veneciano como para considerarse a cidade o seu fogar natural.  Pioneiros como Claudio Monteverdi tiveron unha segunda oportunidade coa estrea de obras imprescindibles como L´incoronazione di Poppea e compositores posteriores como Francesco Cavalli, Cesti, Alessandro Scarlatti, Antonio Vivaldi ou mesmo Händel remataron de facer da ópera o que desde o proncipio se pretendía: a obra de arte total.

Benedetto Marcello (1686-1739), un de tantos compositores (aristócrata dilettante, para ser máis precisos) tan famosos no seu tempo como agora descoñecidos para o gran público, foi o autor do libriño El teatro a la moda (Alianza Música, 2001), unha testemuña impresionante do mundo do dramma in musica barroco; dos empresarios, dos cantantes e dos aspectos técnicos que farán as delicias dos intérpretes e melómanos que se acheguen a esta lúcida sátira prologada con proveito polo musicólogo Stefano Russomano.