A película que o director checo Milos Forman estreou con grande éxito en 1984, sobre a vida do compositor Wolfgang Amadeus Mozart (1756-1791), é unha das favoritas do profesorado de música para introducir o clasicismo.

Amadeus é unha interesante e entretida ficción histórica baseada no mito, construído primeiro por Puschkin e por Rimski-Korsakov, en torno á morte de Mozart, atribuída indirectamente ás intrigas do compositor da corte de Viena Antonio Salieri (1750-1825). Mais a realidade foi ben distinta e quizáis na procura da verdade que alimenta ao mito está un dos temas máis atractivos a desenvolver nos traballos que sempre lles pedimos ao noso alumnado sobre esta película.  E como os nosos de terceiro da ESO están véndoa en clase e xa saben que tipo de traballo se lles vai pedir, aí vai a resposta á pregunta das preguntas:  Entón, de que morreu Mozart?  Pois, á luz das últimas investigacións, tomade nota:  infección estreptocócica, síndrome de Henoch-Schoenlein, insuficiencia renal, flebotomía, hemorraxia cerebral e…bronconeumonía terminal. O caso é que a súa saúde nunca fora boa e, naquel tempo de terrible mortalidade infantil, máis ben poderíamos dicir que os 35 anos que viveu Mozart foron un agasallo do destino, e as máis de 600 obras que nos deixou testemuñan o inmenso talento mais tamén a impresionante capacidade de traballo dun home que sempre intuíu que o seu tempo era pouco.

Abaixo tedes un video cun fagmento do seu Concerto para piano nº 27, que o verdadeiro Amadeus interpretou a derradeira vez que tocou en público, hoxe fai case 221 anos, o 4 de marzo de 1791 no Salón Jahn , cerquiña da súa casa, en Viena.

Advertisements