Coa emoción aínda no corpo de ter compartido esta mañá no Culturgal a miña experiencia docente, e coa ilusión renovada pola admiración de ver como en moitos centros fanse traballos impresionantes de implementación das novas tecnoloxías na aula, coa creatividade como punto de arranque, proceso e final tan presente, a un non lle queda outra que insistir, insistir e insistir.

Os que aínda pensan a creatividade como algo difuso,  como algo bonito,  máis ben propio de proxectos sen peso real sobre a práctica docente do día a día (a dos principios pedagóxicos do século XIX), desconfían dunha ferramenta que, en realidade, é enriquecedora, motivadora e tremendamente eficaz.  Como o exercizo que vos deixo neste video, o primeiro dunha serie que hoxe inauguramos no Departamento de música do I.E.S. As Barxas; Crea clips, nos que, a través dos exercizos do noso alumnado, amosamos comprimidiñas, as vantaxes de contarmos coa curiosidade e coa iniciativa dos chavales.

Tratábase de preparar un dueto, sobre unha canción de nenos, Un pececito, e compoñer unha terceira voz, que polas características da obra orixinal só podía ser unha nova voz superior, a protagonista.  Despóis de darlles aos rapaces dous ou tres consellos e intentar convencelos de que se deixaran guiar pola súa intuición, chegaron os de segundo da e.s.o. con aportacións moi interesantes, das que aquí tedes este exemplo.

Advertisements