Onte, mentras eu estaba no Culturgal compartindo o meu traballo e a filosofía que está detrás del, e que teño a sorte de compartir co alumnado e con algúns dos meus compañeiros, a miña muller Olga Lalín asistía en Vigo a unha conferencia do doutor Ángel Carracedo Álvarez, unha eminencia mundial na investigación xenética, na que presentou un estudo no que está implicado e no que a nós vainos a vida: Diagnóstico xenético en nenas-os e adolescentes con Trastorno do Espectro Autista, que está levando a cabo a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica en colaboración coa Fundación María José Jove.

A cita era, como digo, importantísima para nós posto que esa investigación é clave para termos máis luz sobre o autismo do noso fillo Manuel, a súa orixe, as probabilidades de que volva reproducirse nalgún outro membro da familia agora, ou no futuro…é dicir: crucial.  E o caso é que procurando información sobre o doutor Carracedo atopei varios videos, todos de interese, nos que ese home brillante, entregado a súa profesión, contaxia o entusiasmo e o amor pola súa disciplina e, en xeral, por intentar facer ben as cousas.  Entre eles atopei unha conferencia na que, xusto ao principio, o científico galego quéixase do mal que se fan as cousas no ensino, lastrado pola selectividade (polo que a acción docente diríxese e xustifícase por mor dunhas probas ás que vai ir só unha minoría) e pola orientación memorística e resultadista da maior parte da experiencia docente que implica “cortar a creatividade”, esencial tamén para o estudo das ciencias e para o desenvolvemento científico.

Por se queredes ir sabendo por que o que se fai e o que se vai facer maioritariamente (ese novo karma: “hacia onde vai o ensino”) vai ser, unha vez máis, un fracaso.