Moitos dos tópicos tecidos arredor do noso alumnado refírense ao suposto desinterese que amosan por todo aquilo que non sexa de rabiosa actualidade.  Como tódolos tópicos, lonxe de ter algo de verdade, en realidade non son, na maioría das veces, outra cousa que coartadas.

Crea clips, a serie que comecei neste curso en segundo da E.S.O., procura achegar ao alumnado aos máis variados estilos e formas a través de exercizos que combinan a execución pura coa creatividade, teimando no que moitos dos meus amigos, profes de música en primaria, en secundaria e no conservatorio, non se cansan de dicir: todos músicos = todos compositores.

Desta volta o reto consistía nada menos que en escribirlle unha segunda sección a unha danza renacentista, a un tourdion de arredor de 1530, sin apenas  consignas previas.  Tedes no video que segue un exemplo de como unha peza seguramente popular na corte de Borgoña, fai 500 anos, pode cobrar vida nas mans dos nosos chavales.