Se eres profe de música en secundaria e estás procurando unha actividade que integre as TICS na aula, que fomente o traballo colaborativo e achegue ao alumnado á industria da cultura e do espectáculo dun xeito directo e (razoablemente) doado, non lle deas máis voltas: pon un lip dub na túa axenda escolar.

Eu comecei no 2009, no IES As Bizocas, cunha canción dos Heredeiros da Crus, Motosicleta man, e este que vos amoso agora é o último mais non derradeiro.  É tanta a demanda de lip dubs por parte dos chavales que a posibilidade de que eu deixe un dos meus grupos sen un sería impensable, un agravio imperdoable.

Coa sección bilingüe (de música en inglés) de 3º da E.S.O., un estupendo grupo embandeirado na efervescencia adolescente, levabamos desde principio de curso planexando un lip dub que se axustase ás súas características.  A primeira opción era Call me maybe, de Carly Rae Jepsen, mais fomos perdendo o entusiasmo a medida que pasaba o tempo e a filmación proxectada no patio íase adiando a causa do frío e da chuvia.  Foi a miña muller, Olga Lalín, quen me falou de We are golden, de Mika; unha canción supersónica, mestura de Bee Gees, os Queen máis glam e gospel desatado, desas que a un lle fan renovar os votos polo rock and roll e perfecta para o grupo en cuestión.

O demáis aí o tedes.  Unha reivindicación da adolescencia por enriba dos tópicos que é, en realidade, unha celebración de estarmos vivos.  O paralelismo coa ameaza que as autoridades educativas do estado fan pesar sobre a materia de música no ensino secundario é evidente:  We are not what you think we are: We are golden!  Non somos o que ti pensas:  Somos ouro!

Advertisements