A miña compañeira no departamento de música, Marta Barreiro, sempre me falou mil marabillas dunha actividade extraescolar que en principio soaba interesante; levar aos chavales a Celanova e alí, no Mosteiro de San Rosendo, tocar unhas pezas coa frauta acompañados pola organista da igrexa.  O caso é que alá fomos e teño que recoñecer que Marta tiña razón e máis; resultou do mellorciño que se pode facer co alumnado de música de secundaria á hora de dar unha volta polo país, coa desculpa da música.

No mesmo mosteiro visitamos a capela mozárabe de San Miguel (rematada no 942!), a biblioteca do I.E.S. de Celanova, que está tamén alí dentro, fomos á Casa dos poetas, a sede da Fundación Curros Enríquez,  e de alí marchamos para darlle unha visita a don Adolfo, o párroco de Vilanova dos Infantes, quen nos falou do misterio da Virxe do Cristal.  O remate foi subir ao xacemento castrexo de Castromao, nada menos.

O mellor de todo foi a oportunidade de vivir a música, a poesía, o país, da man de boa xente coma don Adolfo, Pablo, Paula, Marisol, Irma, Patricia…a todos moitas grazas.

Advertisements