Crea clips


Alex Táboas, de 2º da E.S.O., presenta agora as súas variacións desplegando poderío e musicalidade; talento, descaro na interpretación e paixón verdadeira, case nada.  Como os bos músicos, Alex toca con todo o corpo, sinte e fai sentir.

Integrado dentro da serie Crea clips, do Obradoiro Músicasbarxas, este exercizo non deixa de darnos alegrías. Os de Moaña podedes estar tranquilos, a canteira de estrelas da música non deixa de producir.  En breve, máis.

Que o disfrutedes!

Tempo agora para a aportación de Sebastián Pérez, o segundo alumno en gravar as súas variacións sobre o valse das Bizocas, dentro da serie Crea Clips do Obradoiro Músicasbarxas.

As de Sebastián son as dun chaval sen máis estudos musicais que os recibidos en primaria (exiguos), que ademáis non tivo música en primeiro da secundaria, polo que, na práctica, é case coma se comezara de novo.  Por iso hai que darlle todo o valor que merece o seu traballo; catro variacións para frauta de bico, a súa de plástico de dixitación alemana, nas que sorprende, especialmente na segunda, pola súa natural capacidade para deixar que a música respire en todas e en cada unha das notas.

Parabéns Sebas, outro dez!

Do meu tempo no IES As Bizocas, no Grove, teño moitos momentos que van quedar xa para min para sempre.  Encontros, desencontros, alegrías, tristuras tamén unhas cantas, claro, e  chegar e ver o mar de Ons desde a ventá da miña aula. Increíble aquela vista, non coñezo moitas nin a metade de impresionantes.

Nunha mañá desas raras nas que o alumnado estaba de excursión ou así e ti tes unha desas horas libres, collín unha frauta e compuxen un valse de reollo da vista do mar, nun día gris como hai tantos.  O Valse das Bizocas, chameille; un sinxelo valse tradicional  que agochei nalgures e que deume por empregar agora co alumnado de 2º da ESO das Barxas, en Moaña, para un novo exercizo de composición dentro da serie Crea clips.

O que tedes embaixo é a primeira aportación, a de Hugo Pena, que compuxo nada menos que 5 variacións para piano, nas que xoga coa melodía con verdadeira inspiración.  Parabéns Hugo, isto é un 10, sen dúbida!

Cando Iria Collazo, profe de galego no IES As Barxas e colaboradora habitual como letrista e vocalista no Obradoiro Músicasbarxas, quedou en estado, un grupo de alumnas de primeiro de bacharelato, con Jenni Cancelas ao frente, achegóuse á aula de música para ver a posibilidade de facerlle unha nana e darlla de agasalllo cando nacera o bebé.

Sen presa pero sen pausa puxémonos á tarefa e o resultado aí embaixo o tedes; un traballo dentro da serie Crea clips no que, a partir dunha composición do profesor, o alumnado tivo a posibilidade de experimentar unha vez máis coas técnicas de producción de audio, entendidas coma un proceso creativo que acompaña ao estricto feito compositivo.

Especial atención requeriu o emprego de dúas ferramentas que para min están resultando moi socorridas últimamente: o Line6 dl4 delay modeler e o Electro Harmonix smallstone.

Benvida Niara e parabéns familia!

A orixe dos movementos nos que se dividen as sonatas, os concertos e as sinfonías clásico – románticas está nas danzas.  En realidade a música instrumental sempre tivo un fundamento social moi determinando e non foi ata datas moi recentes cando se comezou a escribir música para ser simplemente escoitada.

No Renacemento era usual a interpretación de parellas de danzas de carácter diverso, unha de paso (o passamezzo) xunto a unha de salto (o saltarello).  O exercizo proposto desta volta ao alumnado de 2º E.S.O. era  compoñer unha nova sección contrastante a unha pastorela de orixe francés que, así interpretada, conforma unha peza na que destaca o principio compositivo básico da variedade a través de seccións de ritmo contrastante.

Oportunidade agora para que Sira e Sebastián, de 2º E.S.O., fagan a súa aportación ao exercizo de composición asociado ao tourdion de 1530, que xa foi obxecto de interpretación no crea clip anterior.

A curiosidade desta volta consistiu en que na sección de nova composición, os alumnos presentaron, no primeiro compás, un tritono (entre fa e si natural, dentro da tonalidade de re menor), que xa Guido D´Arezzo, na alta Idade Media, consideraba un intervalo a evitar a toda costa, pois servía de entrada ao demo na música, o diabolus in musica, lle chamaban.

Sirva entón como exemplo de como a través da creatividade, do que o propio alumnado pode atopar, podemos chegar a conceptos complexos que, descontextualizados, non pasan da categoría de rollo.

Por fin unha ferramenta completa e eficaz que recomendar ao noso alumnado de música para iniciarse na escrita da música coa computadora, e non só para iniciarse. Un programa imprescindible para estudar, compoñer e aprender co texto diante, que permite o gardado de arquivos en formato xml, e así poder abrilos en computadoras baseadas en calquer sistema operativo.

Na súa web está incluída unha batería enteiriña de video titoriais, ligazóns a unha chea de recursos, mesmo o acceso a unha comunidade na que aprender e compartir as nosas experiencias.

Aquí tedes un exemplo do seu uso, a partitura da banda sonora orixinal realizada no curso pasado para a curta O Agasallo, obra de Ana Gil e Alex Iglesias, alumnos entón de 4º da ESO no IES As Barxas, tal como sona en Musescore.

Páxina seguinte »