Novo lip dub do Obradoiro Músicasbarxas. Desta volta a bossa nova (Joao Gilberto!) e unha fala inventada que imos chamar wachuwei, serve de vehículo a un proxecto que é recreación da (triste) realidade.
Parabéns moitos aos chavales de 4º AB da E.S.O. que mesmo gravaron a súa propia versión, podedes escoita-la nos títulos de crédito, e parabéns tamén ao alumnado doutros cursos que participou voluntariamente nesta divertidísima aventura; Álvaro, Jenni, Iria, Tatiana, Rubén, Álex…
Xa de volta de Santiago, da ponencia que presentamos na I Xornada do Proxecto Abalar os do Audiovisual As Barxas, déixovos como mostra a presentación (con mini video incluído) da miña parte, a que corresponde á parte musical da nosa iniciativa. Grazas outra vez aos asistentes, por ter elexido a nosa experiencia de entre as tres que simultáneamente estábanse celebrando. Prometemos seguir e seguir e seguir.
Para realizala empreguei Keynote, o software equivalente a Powerpoint de Apple. Se queredes seguila ben recoméndovos que esteades atentos aos cambios de páxina e premades na pausa para non perder detalle.
Unha das cousas que reclama o noso alumnado con máis insistencia é presencia na rede. Os nativos dixitais non teñen o dilema que temos os que non o somos sobre que existencia é máis auténtica, nin prexuízos sobre o plus de verdade do “real”. Pensan que o real, o relevante, existe ou non con independencia do medio. O certo é que non hai revolución tecnolóxica sen revolución na maneira de sentir e entender a realidade, e a realidade hoxe é que o interlocutor do noso alumnado, a súa audiencia, existe tamén na rede, co video viral como un dos vehículos máis importantes de interacción. Os chavales queren ser virais, é dicir, participar en videos divertidos que teñan a maior difusión posible. O que como docentes ten realmente interese é que poden ser unha ferramenta formidable para gañarmos o seu compromiso, nomeadamente, para fomentar o traballo en equipo, especialmente en aqueles grupos complicadiños.
O que tedes embaixo (un Harlem shake, a última moda entre os chavales) é o primeiro da nova serie do Obradoiro Músicasbarxas; Quero ser viral.
O vindeiro venres 19 de abril estarei coa miña compañeira do Audiovisual As Barxas, Luz Beloso, no Pazo de congresos de Santiago de Compostela, na I Xornada de Coordinadores-as do proxecto Abalar, a plataforma das novas tecnoloxías da Consellería de Educación.
Estamos invitados a compartir as nosas experiencias coas TICS xunto con outros compañeiros implicados. A xornada inclúe, ademáis, diversos relatorios e espazos para a reflexión, tedes o programa completo no documento que segue.
O mércores pasado tivemos na aula de música do IES As Barxas un invitado moi especial. O inxeñeiro de son e deseñador de estudios de gravación inglés, Philip R. Newell, achegóuse para inaugurar un novo proxecto pedagóxico que estamos pouco a pouco dando forma no departamento: A Música Importa.
Nas dúas horas que durou a actividade con Philip (en inglés, pois tratábase do grupo bilingüe de 2º da E.S.O.), houbo tempo para percorrer ao vivo un bo tramo da historia da música popular do noso tempo, mais tamén para reflexionar sobre a educación e sobre a paixón que move montañas, da súa pola música e polo son, por exemplo, que compartíu coas dun alumnado que ao final rematou facendo cola para conseguir cadanseu autógrafo.
Na sala de máquinas temos o video da experiencia….
Cando Iria Collazo, profe de galego no IES As Barxas e colaboradora habitual como letrista e vocalista no Obradoiro Músicasbarxas, quedou en estado, un grupo de alumnas de primeiro de bacharelato, con Jenni Cancelas ao frente, achegóuse á aula de música para ver a posibilidade de facerlle unha nana e darlla de agasalllo cando nacera o bebé.
Sen presa pero sen pausa puxémonos á tarefa e o resultado aí embaixo o tedes; un traballo dentro da serie Crea clips no que, a partir dunha composición do profesor, o alumnado tivo a posibilidade de experimentar unha vez máis coas técnicas de producción de audio, entendidas coma un proceso creativo que acompaña ao estricto feito compositivo.
Se eres profe de música en secundaria e estás procurando unha actividade que integre as TICS na aula, que fomente o traballo colaborativo e achegue ao alumnado á industria da cultura e do espectáculo dun xeito directo e (razoablemente) doado, non lle deas máis voltas: pon un lip dub na túa axenda escolar.
Eu comecei no 2009, no IES As Bizocas, cunha canción dos Heredeiros da Crus, Motosicleta man, e este que vos amoso agora é o último mais non derradeiro. É tanta a demanda de lip dubs por parte dos chavales que a posibilidade de que eu deixe un dos meus grupos sen un sería impensable, un agravio imperdoable.
Coa sección bilingüe (de música en inglés) de 3º da E.S.O., un estupendo grupo embandeirado na efervescencia adolescente, levabamos desde principio de curso planexando un lip dub que se axustase ás súas características. A primeira opción era Call me maybe, de Carly Rae Jepsen, mais fomos perdendo o entusiasmo a medida que pasaba o tempo e a filmación proxectada no patio íase adiando a causa do frío e da chuvia. Foi a miña muller, Olga Lalín, quen me falou de We are golden, de Mika; unha canción supersónica, mestura de Bee Gees, os Queen máis glam e gospel desatado, desas que a un lle fan renovar os votos polo rock and roll e perfecta para o grupo en cuestión.
O demáis aí o tedes. Unha reivindicación da adolescencia por enriba dos tópicos que é, en realidade, unha celebración de estarmos vivos. O paralelismo coa ameaza que as autoridades educativas do estado fan pesar sobre a materia de música no ensino secundario é evidente: We are not what you think we are: We are golden! Non somos o que ti pensas: Somos ouro!
Hoxe foi un deses días especiais, deses días raros nos que os mitos toman corpo a través da voz dalguén que sabe, que os tratou e que os trata de xeito cotián, pois en realidade é un deles. Hoxe foi o día de Philip R. Newell, o enxeñeiro, técnico de son e deseñador de estudios de gravación, mais tamén piloto de hidroavións e aventurerio de alma profundamente artística.
Na hora e media escasa que tivemos desfilaron Queen, Led Zeppelin, Mike Oldfield, Virgin records, os Yamaha NS10, Stravinsky, Prokofiev, Rachmaninov, Handel, Maurice Ravel, Mussorgsky, Shostakovich, a loudness war e a psicoacústica, os cambios na función social da música provocados pola revolución dixital, a crise tremenda da industria discográfica e a esencia mesma da arte do rexistro sonoro.
Mágoa de ter tan pouco tempo, mais queda o feito de que o de hoxe non foi máis cunha primeira toma de contacto. Mr. Newell está a punto de participar nun proxecto didáctico que presentaremos en breve no IES As Barxas. A música é importante. No Doubt!
O grupo da sección bilingüe de 2º da E.S.O. do I.E.S. As Barxas estrea un novo lip dub, desta volta con Only you, un clásico do tecno pop dos 80 dos Yazoo, o duo formado por Alison Moyet e Vince Clarke.
Seguimos recomendando esta actividade, que consiste na dramatización dunha canción xa existente, ou versioneada mediante a contrafacta (algo moi típico dos lip dubs galegos), onde a sincronía co son pregravado é crucial.
Este é xa o segundo lip dub deste grupo, Moitos parabéns para estes chavales co (raro) vicio de facer moito e sempre ben.
Por fin unha ferramenta completa e eficaz que recomendar ao noso alumnado de música para iniciarse na escrita da música coa computadora, e non só para iniciarse. Un programa imprescindible para estudar, compoñer e aprender co texto diante, que permite o gardado de arquivos en formato xml, e así poder abrilos en computadoras baseadas en calquer sistema operativo.
Na súa web está incluída unha batería enteiriña de video titoriais, ligazóns a unha chea de recursos, mesmo o acceso a unha comunidade na que aprender e compartir as nosas experiencias.
Aquí tedes un exemplo do seu uso, a partitura da banda sonora orixinal realizada no curso pasado para a curta O Agasallo, obra de Ana Gil e Alex Iglesias, alumnos entón de 4º da ESO no IES As Barxas, tal como sona en Musescore.