Escoitando


Nesa foto de Gregorio Soria podedes ver a Montse Santalla e a Luis Calvo, os responsables de Elefant records, unha das compañías discográficas máis interesantes e influíntes do panorama independente.  Comezaron da nada absoluta, coa publicación do fanzine La linea del arco, a finais dos oitenta e, tras dúas décadas de traballo,  podedes atopar no seu catálogo a Le Mans, Los Planetas, Nosoträsh, Beef, Family, La casa azul, Vainica Doble, Los Flechazos, Carlos Berlanga…impresiona, verdade?

O seu éxito é o froito do compromiso, do talento e dun infinito amor pola música.  Mil parabéns (e son poucos) para os dous.

Déixovos De momento abril, video clip de La Bienquerida, a penúltima fichaxe de Elefant, cuxo Romancero, está colleitando as mellores críticas.

Nesa especie de pendello con pretensións, en Steinbah-am-Attersee, Austria, compuxo Gustav Mahler (1860-1911) a maior parte da súa terceira sinfonía, a que adicou á natureza, mais non á imaxinada coma derradeiro refuxio de nada, senón á que vive en estreito contacto coas persoas. Así, o constante emprego (e profanación) de melodías populares ten moito que ver coa idea de que somos nós os que a completamos outorgándolle unha consciencia da que, seica, carece. A súa presenza está en cada pasaxe da obra, como a banda sonora dunha realidade que, no fondo, semella pouco mahleriana.  Non é a súa sinfonía máis accesible (quizais esa sexa a cuarta), e é máis extensa.

Recoméndovos a versión que a London Symphony Orchestra, dirixida por Jascha Horenstein, grabou en 1988 e que podedes atopar na serie media da discográfica británica Unicorn-Kanchana.

Aquí tedes o comezo do primeiro movemento interpretado por esa mesma orquestra dirixida por Valery Gergiev.

Eu tiña un amigo que dicía que Mozart nunca falla, porque é coma os Beatles.  A min paréceme que Mozart é máis ben coma Joni Mitchell.

Nacida en Alberta, Canada, en 1943, esta perfecta descoñecida para o gran público é a autora dunha das coleccións de cancións máis valiosas e influíntes da música popular.  Hoxe escoitei Blue, o seu cuarto disco, editado en xuño de 1971.  Nel Joni toca a guitarra, o piano e o dulcemel dos Apalaches (!) e acompáñanna, entre outros, Stephen Stills e James Taylor.  As cancións falan de amor, da paz que faltaba (Vietnam) e das viaxes iniciáticas que non fan máis que alimenta-la morriña nun tempo no que ela mesmo confesaba sentirse coma o envoltorio de celofán dun paquete de cigarros.

Dicía ao principio que Mozart é máis ben coma Joni Mitchell porque ámbolos dous comparten o alento melódico, eses arcos infinitos nos que voan as palabras.

Coplas para Icía, o segundo disco de Xabier Díaz editado no 2007, supón xa unha referencia á hora de descubrir que é iso de música galega contemporánea.

Para coller a raíz e poñela ben ao aire acompáñase de dous músicos cunha traxectoria tamén impecábel; Suso Iglesias (acordeón) e Pedro Lamas (saxo soprano e gaita).  A raíz así exposta inféctase de jazz e do encontro vai xurdindo algo novo.  Sen artificios, sen unha palabra de máis nen unha nota de menos.  Aquí todo conta, tamén as colaboracións de Guadi Galego e de Iván Costa.

Un disco estupendo dun proxecto do que o mellor aínda está por vir.  Esas cousiñas nótanse.

Sergei_ProkofievAí tedes a Sergei Prokofiev en Nova Iorque, en 1918.  Nunha estampa que semella reflectir todo o glamour que a cultura europea representa para o público norteamericano. Nos últimos días estou repasando os seus concertos para piano nunha serie de audicións que complemento coas obras para piano a solo de Maurice Ravel.

Prokofiev foi un autor preocupado pola melodía desde o punto de vista neoclásico do termo e  iso quizais o diferencie doutros compositores rusos contenporáneos como Stravinsky ou Shostakovich; él mesmo dicía: “Amo a melodía e a considero o elemento máis esencial da música”.

Na súa obra latexa o século XX, con todo o seu significado.  Por eses tempos terroríficos e fascinadores Prokofiev, como os demáis, navegou como ben soubo e/ou lle permitiron, deixándonos unha obra xenial e inspiradora como poucas.

O video que vos deixo desta volta pertence ao primeiro movemento do seu  concerto para piano nº 3 con Martha Argerich, nada menos, como solista.

real-filharmoniaCun concerto que terá lugar mañá, na catedral de Santiago de Compostela, estréase a nova tempada da orquestra Real Filharmonía de Galicia.  A programación, que tamén conmemora o 20 aniversario do Auditorio de Galicia, inclúe un concerto con Ute Lemper o vindeiro xoves 29, un man a man entre Schoenberg e Mozart o 26 de novembro (se cadra non é tan raro, será moi interesante escoitar a Noite transfigurada do primeiro e a Sinfonía nº 41, Xúpiter, do segundo, unha despois da outra), o Oratorio de Nadal de J. S. Bach xusto antes de comezaren as festas, ou o concerto para violoncello nº 2 de Shostakovich.

Mahler, Debussy, Urrutia, Mompou, Ravel, as Variacións atlánticas de García Abril, Honegger, Beethoven, a Fantasía sobre unha sonoridade de Händel de Cristóbal Halffter, Schubert, Scriabin, Chopin…é certo: a música tamén hai que vela.

john scofield jazz pontevedra 2009

De entre a abundante oferta de festivales e concertos que hai neste mes de xullo, eu sempre lle son fiel  ao Festival de Jazz de Pontevedra, que ano a ano vai consolidando o seu prestixio e xa celebra nestas datas a súa décimo séptima edición.

Grazas ao festival puiden ver de novo a John Scofield, un dos mellores guitarristas de jazz: ademáis de ter unha impresionante carreira como solista, tocou con grandes como Chet Baker, Mingus, Herbie Hancock ou Pat Metheny e formou parte da banda de Miles Davis entre 1982 e 1985.

Desta volta presentaba en cuarteto Piety Street, un disco de versións dunha selección de clásicos do blues que abordou nun directo contundente onde non faltaron os saltos ao vacío fuxindo da tonalidade tan seus, (ás miñas espaldas unha muller dicía: “eso es contemporánea, fijo…”, mentras Scofield mergullábanos nunha devastadora interpretación de The angel of death, de Hank Williams).

Para os que sintades curiosidade, recoméndovos Quiet (Verve 1996), o disco co que eu mesmo me iniciei na súa arte.  Unha xoia.

O Festival de Jazz de Pontevedra péchase o domingo 26 de xullo coa interesante contrabaixista e cantante Esperanza Spalding. Achegádevos se tedes ocasión, paga a pena.

guadi galego- benzónDándolle un repasiño aos discos de música galega que máis aprecio, dinme conta de que en case todos estaba Guadi Galego. Despois de ter participado en algúns tan estupendos como o segundo de Berrogüetto, o de Nordestinas con Ugía Pedreira e Abe Rábade ou o de Rosalía 21, vén de estrear Benzón, unha marabillosa colección de pezas de composición propia e adaptacións doutras tradicionais onde o (impresionante) conxunto de músic@s implicados certifican a maioría de idade dun xénero (o que voa desde o noso dentro, por dentro e por fóra) e a súa mestría profesional. Sen medo a xogar co jazz (e non podo deixar de lembrar a Romero Lubambo, a Gil Goldstein, a Toninho Horta…), coa música contemporánea (os arranxos de Pablo Pascual ou o arriscado acordeón de Suso Iglesias), sen perder nunca o alento da música tradicional (o canto de arrieiro da pista 8 muta nunha fantasía de percusión por mor de Odaiko), sen baixar  nunca o listón do ceo raso.

Un disco dos que chegan para ficar.

Marie and the Red Baron 2

Sen máis intención que a de compartir.  Esta é a lista das 15 últimas pezas que soaron no meu ipod en modo shuffle songs, é dicir, reprodución aleatoria.

1.  Elvis Costello and the Attractions:  “You little fool”

2.  Everything but the girl:  “Love is strange”

3.  Seal:  “Colour”

4.  Talking Heads:  “Seen and not seen”

5.  Caetano Veloso:  “Rita”

6.  Peter Gabriel:  “San Jacinto”

7.  Johnny Cash:  “Joe Bean”

8.  Nine Horses:  “A history of holes”

9.  Xtc:  “Across this antheap”

10.  Dios ke te Crew:  “Colleita´s par´ti”

11.  The Beatles:  “A hard days night”

12.  The Cure:  “Homesick”

13.  Krzysztof Penderecki:  Larghetto do Cuarteto para clarinete

14.  Tindersticks:  “The ballad of Tindersticks”

15.  G.F. Handel:  Recitativo “Ah, Bradamante” (Ruggiero), de “Alcina”.

j.s.bach-r.jacobs-oratorio de nadalO Oratorio de Nadal  (“Weihnachts-oratorium”) foi estreado para as festas de 1734-35, cando o cantor de San Tomé de Leipzig,  J. S. Bach, tiña 50 anos e estaba na súa plenitude como compositor, docente, director e intérprete. Eu teño por costume dedicar tempo nestas datas a escoitar algunha gran obra de temática relixiosa e esta en concreto nunca falla.  Chea de ledicia, melodías afortunadísimas e amosando todo o  maxisterio na arte dos sons do que o seu autor era quen, esta colección de seis cantatas á maior gloria da piedade luterana debería ser visitada por tod@s @s que sentides curiosidade pola chamada “música clásica”.  Para vos e para os xa iniciados recomendo a versión que René Jacobs gravou para o selo Harmonia Mundi co Rias-Kammerchor e a Academia de Música Antiga de Berlín.

Para abrir boca aquí tedes un video  cunha das arias máis bonitas:  “Schlafe, mein liebster, geneisse der Ruh”, é dicir: “Durme, meu amor, disfruta do teu descanso”.

Bo Nadal!!!

 

 

« Páxina anteriorPáxina seguinte »