Espellos


Manifesto

Competencia trilingüe

virxilio vieitezTerra de artistas a de Soutelo de Montes, desde logo que si.  Aínda que nun blog coma este, adicado á música, un agardaría máis atopar un post sobre Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo, nesta ocasión e, dentro da serie Espellos, vouvos falar un pouco de Virxilio Vieitez (1930-2008), o que alguén cualificou coma o Elliot Erwitt galego.

Superada entón a proba da comparación cun estranxeiro ilustre, xa ninguén dubida do valor da obra do que durante moitos anos foi o fotógrafo das xentes de Terra de Montes (Cerdedo, Avión, Forcarei…).  Nelas un asiste á realidade dun país que xa non é e  que foi maxistralmente retratado e documentado por un neorrealista sen querer, (se a humildade de Virxilio lle impedía ter unha intencionalidade artística desde o punto de vista intelectual, o que non deixa de ser outro aburrido tópico dos que soen atribuirse aos heroes da cultura popular).

Para os que gostades de completa-la paisaxe: premendo no cartel podedes acceder a Contactos, o documental que sobre Virxilio Vieitez filmou Marcos del Pino no 2006.

documental virxilio vieitez

Quen son?Flocos TV, o cineclube na web do audiovisual galego, estase a converter dun tempo a esta parte na miña canle favorita, nunha maneira de consumir a imaxe que un procura que sexa o máis autónoma posible.

De alí veño de ver Quen son? documental de Eloy Lozano estreado no 2008, no que durante case hora e media constrúese o mosaico da realidade real, inventada ou suxerida dun país, o noso. Encantoume por que o mosaico está feito das palabras da xente, e a través delas exprésase a nosa identidade como problema, oportunidade, incógnita…como moitas outras identidades, é certo, mais ao final, entre pulsións telúricas e das outras, o que permanece é a néboa de sermos un país en proceso de disolución no que queda todo por facer.

Para ver e sumar cada un as súas teselas.

guantanamo-arcadeNon sei se é unha discoteca ou máis ben un disco pub, ou todo un complexo recreativo.  Supoño que non é unha base dos Estados Unidos en Cuba, nin tampouco un centro de detención ilegal onde se practican torturas polo ben da liberdade, polo ben da democracia e por que a nosa seguridade o precisa.

Mais é unha desas discos e home…menudo despiste!  Ao mellor hai que lelo tal como está no letreiro, guantanamo, e entón non é máis cun reclamo sexual, ou unha referencia á sutileza no trato, quitando unha letra por aí e poñendo outra por alá, buscándolle as voltas.  Mais algo me di que non, que é guantanamo por Guantánamo.

Ao mellor non é para tanto.

Nun castelo de ventás frías.

Total para qué?

Ah…para iso tan importante…

Castillo de lápices, de Nelson Olivera

A guerra dos avós é unha xoia de documental que narra o comezo da guerra civil española en Moaña. Non hai nada como ver a historia en pequeno para comprender a historia dos grandes feitos, nin nada como saber dos que noutro tempo ben poderiamos ter sido nós mesmos. Parabéns ao seu realizador, Óscar Galansky, e a todo o equipo que o fixo posible.  Para exercitar o imprescindible músculo da memoria.

waltz-with-bashirValse con Bashir  é unha película documental de animación dirixida polo israelí Ari Folman. Supoño que xa sabedes dela, ten acadado un feixe de (merecidos) premios en todo o mundo. Eu acabo de vela agora mesmo.

Trata sobre a terrible matanza que perpretaron en 1982  as milicias critiás libanesas coa colaboración necesaria das forzas armadas israelíes.  Entraron nos campos de refuxiados palestinos de Sabra e Chatila, ás aforas de Beirut, e masacraron á poboación civil. Todo iso entre o 16 e o 18 de setembro. Tiveron tempo dabondo, cálculos conservadores apuntan que as vítimas ben puideron ser máis de 1000.  A morte desdibúxase cando se lle aplican cifras así. Pensade na xente que está ao voso lado, pensade nas persoas que queredes…agora imaxinade que lles pasara o mesmo. 

A película trata sobre un veterano do exército israelí que non recorda se estivo alí ou se mesmo chegou a participar nos feitos.  Na procura de respostas repasa a súa memoria, entrevista a quen si lembra e remata atopando o que procura.  Nese rescate da memoria, nese acordar da consciencia revélasenos o acontecido.

Ao acordar consciente de tod@s clama esta película.  

Seguramente foi a través do meu amigo Abel Díaz que souben de The Wire. O verán pasado faloume, co seu particular (e compartido) entusiasmo, desta e doutras series de televisión nas que pagaba a pena reparar: “Mad Men”,  “Life on Mars”, “A tres metros baixo terra”…eu ata entón só percibira dese bule bule televisivo  algún eloxio adicado a “Os Sopranos”. Ata aquela conversa co meu vello amigo Abel eu estaba secuestrado polo escepticismo, de feito xa comezara a pensar que en internet a televisión atopara por fin a súa némese.  Estaba equivocado.

Procurei na rede e atopei Espoiler, o blog de Hernán Casciari, un crítico de televisión que tiña alí publicado un artigo de series recomendadas entre as que sobresaía The Wire.  Así que seguindo o consello dun vello amigo e dun crítico que me pareceu digno de creto fíxenme coa primeira tempada e uau!!!…ou……!!! aí que cada quen poña a súa exclamación de asombro e admiración que prefira.  The Wire era a mellor calquercousa de ficción que vira en anos.

Hernán Casciari dicía no seu artigo que The Wire “…é a verdade e a realidade”, o negativo de C.S.I., onde tal vez o principal atractivo sexa a impúdica exhibición da mentira como paradigma do zeitgeist que nos toca. Eu, como Hernán, tamén estou lonxe de poder falar desapaixonadamente.  En The Wire o talento de guionistas, directores e do elenco de actrices e actores elévase ata o punto de fusionar nun todo a De Sica e Rosellini con Coppola e Welles e a todos eles con Shakespeare, como acontece ao final da terceira tempada. Un semella mergullado nunha obra que parecía imposible imaxinar, crear e mesmo poñer en antena.  Sen concesións ao políticamente correcto e amosando un total desprezo polo que se supón que espera o espectador medio dunha serie policial, The Wire acada tanto como pretende sen saír dos límites dunha cidade, Baltimore, Estados Unidos, que é escolma do mundo enteiro.

 


Mestre de cerimonias nun tambor. El é o personaxe e a experiencia de artificio protexida por un paraugas de variñas soas que foi en tempos carpa ou atracción de feira.  Á mente aberta asoman ideas que pesan no ollar oblicuodirecto.  Serenidade.  A divertirse en serio.

“Circo”, de Verónica Pérez, Buenos Aires 1972.

« Páxina anteriorPáxina seguinte »