Orquestra Orff


O ceo azulCando Victor A. Castro e máis eu comezamos a producir o libro disco coas pezas de Paco Rivas Traca – Traco: 24 cantigas de nanar, un aloumiño e un arrolo (Cumio, 2015), tivemos claro que a obra tiña que ter unha achega didáctica e que esa achega tiña que estar centrada nos instrumentos propios dunha aula de primaria e secundaria; o instrumental orff.

É por medio dos carrillóns, dos metalófonos, dos xilófonos, da percusión…como unha parte moi importante do alumnado entra en contacto coa práctica da musica, especialmente coa práctica de conxunto. De maneira que, como docente, sempre defendín a creación dun repertorio específico para esas “ferramentas” que caracterizan as aulas de todo o país. Con esa idea creamos a  Orquestra Orff do IES As Bizocas, no Grove, no 2006, e daquel proxecto naceron experiencias e aprendizaxes que agora podedes ver en Traca – Traco, pero tamén daquela nacera un soño, o de mesturar o mundo da música profesional coa que facemos nas aulas, que neste libro é realidade a través das voces de Fuxan os ventos, Montse Ogando ou Lydia Botana.

En total podedes acceder a 13  arranxos orff, imprimir as partes e a partitura de dirección co esforzo dun click e, o máis interesante, adaptalas aos grupos cos que traballades, aportar as vosas ideas e as do voso alumnado para entre tod@s conformarmos o diálogo que alimenta á música.

Captura de pantalla 2015-07-02 a las 1.35.27

Advertisements

O vindeiro 26 de abril, no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, terá lugar o segundo encontro do  alumnado de música de secundaria e bacharelato que se organiza a través de Asomusica.

Desta volta o tema elexido é A música  galega e cada centro participante poderá interpretar ata dúas pezas.  Con todo, unha oportunidade para compartirmos experiencias e valorar o que temos e nos queren quitar a través de leis educativas que semellan identificar ao éxito educativo coa formación de profesionais socialmente incompetentes e profundamente incultos.

Tedes toda a información aquí.  Non nos queda nada que loitar…Embaixo un exemplo do que os compañeiros, do IES Afonso X o Sabio de Cambre, fixeron na primeira edición:

Da biblioteca do IES As Bizocas de O Grove chega a convocatoria da séptima edición do Certame de poesía Xosé A. Barral, o concurso de ámbito escolar no que os poemas gañadores son musicados pola  Orquestra Orff IES As Bizocas.
Como impulsor no seu día desta iniciativa quero darlle moitos parabéns a Marta Fernández e a Cecilia Iglesias e agradecerlles que tomaran o relevo.

O prazo de presentación de orixinais remata o 15 de abril.  Animádevos a participar!

Do Grove, do IES AS Bizocas, chegoume ao final do curso a mellor noticia posible: a confirmación de que había continuidade para o Certame de poesía Xosé Antón Barral e para o Música nas túas palabras, o festival que o complementa.  Os que seguides o blog xa sabedes que a particularidade dese certame de literatura escolar está en que os poemas gañadores son musicados, co que a unha achega interdisciplinar  sumáse un enfoque de absoluto compromiso coa creatividade.

Agora son Marta Fernández, a responsable da biblioteca, e Cecilia Martínez, a nova profe de músicas das Bizocas, as que manteñen viva unha iniciativa que cumple xa 6 aniños.

Sempre, por estas datas, subía eu á rede os videos dos poemas convertidos en cancións.  Desta volta só podo facerme eco do gañador deste ano: Canto tempo pasou, da miña ex-alumna Marta Díaz e expresar o meu máis profundo agradecemento.

Parabéns!!!

Á hora de deseñar un proxecto audiovisual desde pretextos musicais e a través dos medios cos que contamos nunha aula de música de secundaria, pensei en camiñar en sentido inverso ao que o fixera ata o de agora.   Se antes artellaba proxectos que consistían en facer música partindo doutros medios artísiticos (a poesía, sobre todo), agora tratábase de converter en cinema contidos de orixe musical.

Coñecía The gift (O agasallo) a historia que Lou Reed escribira como traballo para a facultade de literatura na que estudaba e que despóis incluíu cun acompañamento instrumental no segundo disco de The Velvet Underground, desde facía xa máis de vinte anos, e considerei que era o material perfecto para comezar un proxecto de integración total do medio audiovisual na miña actividade docente.

Tiñamos que adaptar o guión, do que contabamos cunha edición bilingüe inglés-castelán, ao tempo dos nosos adolescentes e ás súas circunstancias.  Para iso contamos coa profe de galego e responsable de dinamización lingüística do IES As Barxas, Iria Collazo, que revisou cada versión que ía saíndo da aula de 1º de bacharelato.

Tiñamos ademáis que compoñer a banda sonora.  Hai moitas versións de The gift colgadas na rede; a idea de converter en curtametraxe ese texto non resultou ser moi orixinal, e tiñamos que aportar algo novo, non só en canto á historia en si. Así que decidimos prescindir totalmente do instrumental da Velvet e Alejandro Iglesias e Ana Gil, de 4º da ESO, compuxeron unha peza en tres pequenos movementos para instrumental orff, en la menor armónico para darlle un chisquiño de angustia á unha historia tan peculiar.

Lóxicamente todo iso tivemos que ensaialo, rodalo, gravalo, montalo, editalo…co que ningún aspecto da produción cinematográfica foi allea ao noso cometido.  Isto daría mesmo para facer un blog aparte.

O resultado aí o tedes.  Unha aproximación ao cinema coa música como catalizadora da arte total.

O venres pasado achegueime con Sowel á Casa da Cultura de Boiro, onde tiña lugar a gala de entrega dos premios Olloboi, da que xa vos falei no post anterior.  Iamos por que o video Musicando Arbo, o último que fixen como responsable do proxecto da Orquestra Orff IES As Bizocas, estaba nominado en dúas categorías; ao mellor guión e ao Olloboi escolar.  E gañamos! De entre os 87 traballos presentados ao concurso o xurado considerou que o noso era merecedor do Olloboi 2012 ao mellor guión.

Non teño máis que palabras de agradecemento aos que fixestes posible aquela aventura tan emocionante, á xente do Grove, que a fixo propia desa maneira única que teñen os mecos, e aos organizadores dos premios Olloboi por que a súa é unha iniciativa que parte dos mesmos pretextos.

Non me cansarei de dicilo:  O ensino é unha acción.

Mañá celébrase a gran gala do Audiovisual escolar galego, a entrega dos premios Olloboi 2012.

Foi no 2008 cando un grupo de profes transformou á súa sensibilidade pola imaxe nunha iniciativa da que primeiro saíu o grupo Rodaxe e deste o Festival Audiovisual Olloboi, orientado nun principio ás producións do ámbito escolar.

En total presentáronse nesta edición 87 traballos dos que fai pouco soubemos os finalistas.  Entre eles Musicando Arbo, o docu-video clip que ao fin do curso pasado realicei como escolma de todo o traballo desenvolvido cos chavales do IES As Bizocas de O Grove (o certame de poesía Xosé A. Barral, do que xa hai fallo da sexta edición, e a Orquestra Orff IES As Bizocas), nominado para o premio ao mellor guión e para o Olloboi escolar.

Parabéns aos organizadores e moita sorte a todos os finalistas. Será ás 21:00h na Casa da Cultura Ramón Martínez López de Boiro.  Unha ocasión para non perder.

Páxina seguinte »