Xosé Manuel Durán


a canción de Manuel tvgTempo haberá para recapitular todo o feedback que un ano máis estamos recibindo a resultas de A canción de Manuel, un proxecto de concienciación do Transtorno do espectro autista, que a través do audiovisual levamos adiante a miña muller e máis eu, do que vos veño falando nos últimos días.

De entre as publicacións e entrevistas que estamos realizando deixamos agora a presentación que o mesmiño telexornal da televisión pública galega fixo na edición de hoxe.

Premendo na imaxe accededes ao video.  Aí andamos.

alí estarei 2

O 2 de abril é o día adicado á concienciación sobre o autismo, un transtorno (un espectro, en realidade) que afecta seriamente ao meu fillo Manuel.

Porque é preciso contribuír a que o futuro das persoas con esta condición sexa o mellor posible e porque  hai moito que facer para derrubar tópicos e comprometer á sociedade no coidado de quen máis o precisa, aportamos, miña muller Olga Lalín e máis eu, un novo video con canción; Alí estarei.

Difundide, por favor.

Nestes últimos días estamos na casa todos atarefados preparando o vindeiro 2 de abril, o día internacional pola concienciación sobre o autismo.  Para nós é unha data moi especial, desde que ao noso fillo Manuel lle diagnosticaron un Transtorno do Espectro Autista (T. E. A.) fai xa máis de dous anos.  Entón comezamos un camiño difícil, mais non deixamos de sentir en todo momento o apoio de moita xente directa ou indirectamente implicada que, coma nós, sinte a necesidade de aportar alento na loita.

O ano pasado contribuímos cunha canción e con ese video de embaixo, que superou as nosas espectativas, contribuíndo a que moita xente coñecera mellor e, efectivamente, se concienciara.  O próximo 2 de abril teremos unha nova entrega.

Definitivamente: non temos nada mellor que facer.


manuel, pablo e rubén durán lalín

Onte cumpríronse xusto 5 anos da publicación da primeira entrada deste blog.  Visto en perspectiva semella que foi antes de todo.  Daquela estaba en marcha a todo trapo o proxecto da Orquestra Orff IES As Bizocas e o certame de poesía Xosé A. Barral, que este ano convoca xa a súa sétima edición da man dos actuais responsables da biblioteca e do departamento de música do IES As Bizocas de O Grove.  A iniciativa evolucionou xa daquela hacia a esfera do audiovisual escolar e iso confírelle agora ao meu traballo cos chavales de secundaria unha dimensión máis ampla.

Tanto no IES As Bizocas como agora, no IES AS Barxas de Moaña, a intención é a mesma: procurar a innovación teimando nun novo paradigma educativo que deixe de lado as prácticas decimonónicas que aínda seguen conformando unha grande parte da experiencia docente. Trátase de aprender pero de aprender facendo.  Dar o salto da pura transmisión da información á experiencia, á adquisición dun coñecemento que ademáis de significativo debe estar conectado coa realidade e inmerso no contexto no que ten lugar.

Con todo o más importante que aconteceu na miña vida nestes 5 anos foi o nacemento dos meus fillos Manuel, Pablo e Rubén. O autismo do primeiro supuxo para a miña muller Olga Lalín e para min un antes e un despóis que a mesma vida axuda a asimilar, día a día.  Un antes e un despóis, semella doado dicilo.  Antes eu tiña un motor, agora teño catro!

Lumeeeeeeee!!!

Desde a Asociación Andaina Redondela, de persoas con necesidades educativas especiais, convocamos a primeira edición duns premios que agardamos sirvan para normalizar a diversidade.  Non podo pensar noutra maneira mellor de chamarlle á loita que as persoas afectadas, as súas familias e os profesionais levamos adiante.  No noso, palabras como integración,  atención á diversidade ou convivencia cobran todo o sentido.  Mais que palabras bonitas son  ferramentas para axudar a que as persoas con discapacidade poidan tamén ter a oportunidade de gañar o futuro, unha vida de calidade, como calquera.

Nesas andabamos cando ocorréusenos crear uns premios que teñen dúas vertentes; unha dirixida a desenvolver e fomentar a creatividade entre o alumnado de primaria e secundaria, a través de certames de debuxo e obras audiovisuais, respectivamente, e outra na que pretendemos recoñecer a aquelas persoas ou entidades que se teñan destacado na defensa do noso que, en realidade, é a defensa do de todos.

 

734204_528395390513857_1870461633_n

Os da Asociación Andaina Redondela de familias de nenas e nenos con necesidades especiais, estamos de estrea.  Hoxe comezamos a difusión das bases do Premio Andaina Redondela a obras audiovisuais, que semella ser o primeiro certame nacional de curtametraxes, dirixido ao ámbito escolar e adicado á discapacidade, mais sobre todo á integración, á concienciación e á sensibilización sobre a realidade que viven as persoas afectadas e as súas familias, cuns problemas e cunha loita que queremos facer ben visibles.

Diriximos este premio ao ensino secundario de todo o estado, queremos movilizar xa mesmo as conciencias dos que van ser os tendeiros, os xuíces, os lexisladores, os educadores e os médicos, os que terán na súa man facer da nosa sociedade un lugar onde a atención á diversidade sexa unha prioridade básica.

O noso premio vai integrado no certame Redondela en curto, o prestixioso festival que este ano cumpre xa a súa 9ª edición.  Non temos máis que palabras de agradecemento para Fernando Carreira, o director do festival, que acolleu a nosa proposta de colaboración como súa propia. Aquí tedes as bases en galego e en castelán, o prazo remata o 30 de marzo.  Ánimo!

música secundariaHoxe ábrese unha nova xanela á blogosfera.  Música en secundaria vai ser, a partir de agora, o espazo que acollerá o contido estrictamente didáctico que ata o de agora incluíase neste blog.  En Seso Durán, música de xoguete, que en breve vai cumprir 5 anos, manterei os espazos máis destacados desde o punto de vista didáctico e os musicais en xeral, e os non tan musicais que xa existían,  e en el seguirei vertendo intencións, opinións e compromisos, pois non hai implicación posible sen compromiso social e sen activismo político, entendido, cando menos, como exercizo cidadán responsable.  Só agardo que os novos proxectos en marcha vaian dando os seus froitos e que en breve poidamos compartilos, pois diso se trata, de ir facendo e ir aprendendo.

Grazas a tod@s por estar aí, sempre pensei que o que un fai desperte o interese dos demáis non deixa de ser un pequeno milagre.

Saúde!

recitando celso emilio

Non queda nada nadiña xa; mañá 12 do 12 do 12, ás 12 (como se enteren os maias adiantan o apocalipse, esa data é máis redondiña), os do IES As Barxas ímonos sumar ao recitado colectivo do poema Deitado frente ao mar, de Celso Emilio Ferreiro.

RecitandoCelsoemiliO, é unha proposta da Coordinadora Galega de equipos de Normalización e Dinamización lingüística, que ten como obxectivo rendir homenaxe ao escritor de Celanova no centenario do seu nacemento mediante un acto colectivo (no que están apuntados xa milleiros de alumnos), de reivindicación da nosa lingua.  No noso instituto estámoslles moi agradecidos por contaren con nós para levar adiante unha iniciativa da que tedes toda a información aquí.

Porque nos peta e porque nos dá a gaña, galego porque si.

Onte, mentras eu estaba no Culturgal compartindo o meu traballo e a filosofía que está detrás del, e que teño a sorte de compartir co alumnado e con algúns dos meus compañeiros, a miña muller Olga Lalín asistía en Vigo a unha conferencia do doutor Ángel Carracedo Álvarez, unha eminencia mundial na investigación xenética, na que presentou un estudo no que está implicado e no que a nós vainos a vida: Diagnóstico xenético en nenas-os e adolescentes con Trastorno do Espectro Autista, que está levando a cabo a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica en colaboración coa Fundación María José Jove.

A cita era, como digo, importantísima para nós posto que esa investigación é clave para termos máis luz sobre o autismo do noso fillo Manuel, a súa orixe, as probabilidades de que volva reproducirse nalgún outro membro da familia agora, ou no futuro…é dicir: crucial.  E o caso é que procurando información sobre o doutor Carracedo atopei varios videos, todos de interese, nos que ese home brillante, entregado a súa profesión, contaxia o entusiasmo e o amor pola súa disciplina e, en xeral, por intentar facer ben as cousas.  Entre eles atopei unha conferencia na que, xusto ao principio, o científico galego quéixase do mal que se fan as cousas no ensino, lastrado pola selectividade (polo que a acción docente diríxese e xustifícase por mor dunhas probas ás que vai ir só unha minoría) e pola orientación memorística e resultadista da maior parte da experiencia docente que implica “cortar a creatividade”, esencial tamén para o estudo das ciencias e para o desenvolvemento científico.

Por se queredes ir sabendo por que o que se fai e o que se vai facer maioritariamente (ese novo karma: “hacia onde vai o ensino”) vai ser, unha vez máis, un fracaso.

Escena primeira:  Entras nun concesionario para ver de mercar un coche novo. O vendedor, de punta en branco, amósache a que di ser a última creación da marca que representa: un Simca 1000 noviño do trinque.  Sen airbag, sen abs, nin peche centralizado, sen sensor de chuvia, nin radar de aparcamento, nin, nas súas propias palabras, “ningunha desas cousas modernas que despistan”.  Ti o primeiro que fas, é procurar un calendario.  Enriba mesmiño da mesa do vendedor hai un: 2012!, Uff! A continuación procuras algo no ambiente, calquera cousa que indique que quizáis eres obxecto dunha broma desas da tele, e, cando por fin consegues repoñerte, despídeste daquel home cun sorriso finxido, con calquera escusa.  Ao saír pensas que acabas de salvarte dun timo.

Escena segunda:  Fai unha semana que sintes unha dor punxente nun costado, estás preocupado porque ademáis fai 15 días que tes  un catarro teimudo, persistente, que non entende nin de xaropes nin de comprimidos.  Co medo no corpo vas ao médico de cabeceira que, aínda que prudente, diche  que hai que saber de que é iso.  Pasan os días e o catarro semella ir remitindo, mais a dor no costado está aí.  Fai 4 anos xa que deixache de fumar, ha de ser algo muscular, seguro.  Cando por fin estás diante do especialista estás dos nervios.  Ante ti un deses homes pelexados co mundo, borde,  cun punto de insolencia.  Semella que non lle importa a túa doenza, fai preguntas mais non escoita.  Ti, que xa eres maior dabondo para andar con lerias verbalizas o medo dos medos: Pode ser un tumor?  O sorriso do doutor non che tranquiliza, é falso, paternalista.  Di que non quere meterse en pedagoxías e que estés tranquilo, dache un relaxante muscular, un xarope novo e unha difusa recomendación sobre tomar a vida con calma.  Saes da consulta peor do que entraches, nin tan sequera unha radiografía?  Iso si que me tranquilizaría, saber que estou ben! Reprimes a carraxe e procuras outro especialista, custe o que custe.

Escena terceira:  O teu fillo está en terceiro da E.S.O. Xa é un homiño, como pasa o tempo.  No instituto vaille ben, en xeral, só ten un problemiña co profe de sociais.  Un chaval novo pero coas cousas claras, chega a clase e todo o mundo dereitiño.  Failles controles continuamente, para que non se despisten.  Ti ves sempre ao rapaz co libro de sociais.  Como saíu a ti, as veces ponse rebelde e di que o profe é un friki, que lles berra, que dicta sen parar, que lles dá “discursos coma os da universidade”, que o outro día colleu a Brais, un compañeiro que sempre está barullando na clase, e púxoo diante de todos para que cada un lle dixera o que pensaba del. Para darlle unha lección, dislle.  Teu fillo olla para ti, como apesarado.  A ti gustaríache poder axudarlle pero eres máis ben de números e a fin de contas sociais é de estudar así que…o chaval que apande, que aprenda que na vida as cousas non son sempre fáciles e ao final, a eses profesores exixentes, rematas por valoralos co tempo.

« Páxina anteriorPáxina seguinte »