andaina debuxo def

Que contentos estamos os da Asociación Andaina de familias de nenas e nenos con necesidades educativas especiais, nada menos que 250 foron os orixinais que hoxe mesmiño tivemos nas mans os do xurado deste certame de debuxo, que pretende educar na diversidade ao alumnado de primaria do concello de Redondela e limítrofes.

Abraiados pola cantidade mais tamén pola calidade dos traballos presentados e agradecidos aos centros participantes; ao Ceip Alexandre Bóveda, ao Colegio Vigo, ao Cep Santa Mariña e ao Ceip Outeiro das Penas, e moi especialmente aos futuros médicos, electricistas, coidadores, mestras, mestres  e compañeiros dos nosos fillos, que amosaron sensibilidade e talento a partes iguais.

O premio farase público o vindeiro 28 de abril, nun acto a celebrar no Multiusos de Redondela.

Desde a Asociación Andaina Redondela, de persoas con necesidades educativas especiais, convocamos a primeira edición duns premios que agardamos sirvan para normalizar a diversidade.  Non podo pensar noutra maneira mellor de chamarlle á loita que as persoas afectadas, as súas familias e os profesionais levamos adiante.  No noso, palabras como integración,  atención á diversidade ou convivencia cobran todo o sentido.  Mais que palabras bonitas son  ferramentas para axudar a que as persoas con discapacidade poidan tamén ter a oportunidade de gañar o futuro, unha vida de calidade, como calquera.

Nesas andabamos cando ocorréusenos crear uns premios que teñen dúas vertentes; unha dirixida a desenvolver e fomentar a creatividade entre o alumnado de primaria e secundaria, a través de certames de debuxo e obras audiovisuais, respectivamente, e outra na que pretendemos recoñecer a aquelas persoas ou entidades que se teñan destacado na defensa do noso que, en realidade, é a defensa do de todos.

 

734204_528395390513857_1870461633_n

Os da Asociación Andaina Redondela de familias de nenas e nenos con necesidades especiais, estamos de estrea.  Hoxe comezamos a difusión das bases do Premio Andaina Redondela a obras audiovisuais, que semella ser o primeiro certame nacional de curtametraxes, dirixido ao ámbito escolar e adicado á discapacidade, mais sobre todo á integración, á concienciación e á sensibilización sobre a realidade que viven as persoas afectadas e as súas familias, cuns problemas e cunha loita que queremos facer ben visibles.

Diriximos este premio ao ensino secundario de todo o estado, queremos movilizar xa mesmo as conciencias dos que van ser os tendeiros, os xuíces, os lexisladores, os educadores e os médicos, os que terán na súa man facer da nosa sociedade un lugar onde a atención á diversidade sexa unha prioridade básica.

O noso premio vai integrado no certame Redondela en curto, o prestixioso festival que este ano cumpre xa a súa 9ª edición.  Non temos máis que palabras de agradecemento para Fernando Carreira, o director do festival, que acolleu a nosa proposta de colaboración como súa propia. Aquí tedes as bases en galego e en castelán, o prazo remata o 30 de marzo.  Ánimo!