O número 9 da revista da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística recolle un artigo asinado pola miña muller Olga Lalín e eu mesmo.  En Facendo visible a diversidade insistimos na necesidade dun ensino público eficaz e de calidade, para o que é precisa unha verdadeira escola inclusiva;  a normalización da diversidade.

Moitas grazas outra vez aos da CGENDL pola oportunidade.

andaina debuxo def

Que contentos estamos os da Asociación Andaina de familias de nenas e nenos con necesidades educativas especiais, nada menos que 250 foron os orixinais que hoxe mesmiño tivemos nas mans os do xurado deste certame de debuxo, que pretende educar na diversidade ao alumnado de primaria do concello de Redondela e limítrofes.

Abraiados pola cantidade mais tamén pola calidade dos traballos presentados e agradecidos aos centros participantes; ao Ceip Alexandre Bóveda, ao Colegio Vigo, ao Cep Santa Mariña e ao Ceip Outeiro das Penas, e moi especialmente aos futuros médicos, electricistas, coidadores, mestras, mestres  e compañeiros dos nosos fillos, que amosaron sensibilidade e talento a partes iguais.

O premio farase público o vindeiro 28 de abril, nun acto a celebrar no Multiusos de Redondela.

alí estarei 2

O 2 de abril é o día adicado á concienciación sobre o autismo, un transtorno (un espectro, en realidade) que afecta seriamente ao meu fillo Manuel.

Porque é preciso contribuír a que o futuro das persoas con esta condición sexa o mellor posible e porque  hai moito que facer para derrubar tópicos e comprometer á sociedade no coidado de quen máis o precisa, aportamos, miña muller Olga Lalín e máis eu, un novo video con canción; Alí estarei.

Difundide, por favor.

Desde a Asociación Andaina Redondela, de persoas con necesidades educativas especiais, convocamos a primeira edición duns premios que agardamos sirvan para normalizar a diversidade.  Non podo pensar noutra maneira mellor de chamarlle á loita que as persoas afectadas, as súas familias e os profesionais levamos adiante.  No noso, palabras como integración,  atención á diversidade ou convivencia cobran todo o sentido.  Mais que palabras bonitas son  ferramentas para axudar a que as persoas con discapacidade poidan tamén ter a oportunidade de gañar o futuro, unha vida de calidade, como calquera.

Nesas andabamos cando ocorréusenos crear uns premios que teñen dúas vertentes; unha dirixida a desenvolver e fomentar a creatividade entre o alumnado de primaria e secundaria, a través de certames de debuxo e obras audiovisuais, respectivamente, e outra na que pretendemos recoñecer a aquelas persoas ou entidades que se teñan destacado na defensa do noso que, en realidade, é a defensa do de todos.