Xa de volta de Santiago, da ponencia que presentamos na I Xornada do Proxecto Abalar os do Audiovisual As Barxas, déixovos como mostra a presentación (con mini video incluído) da miña parte, a que corresponde á parte musical da nosa iniciativa.  Grazas outra vez aos asistentes, por ter elexido a nosa experiencia de entre as tres que simultáneamente estábanse celebrando. Prometemos seguir e seguir e seguir.

Para realizala empreguei Keynote, o software equivalente a Powerpoint de Apple. Se queredes seguila ben recoméndovos que esteades atentos aos cambios de páxina e premades na pausa para non perder detalle.

Os do AudioVisual As Barxas fixemos dous breves como se fixo do proceso de fabricar Deitado frente ao mar, a nosa versión do clásico de Celso Emilio Ferreiro, dentro dun proxecto da Coordinadora galega de equipos de normalización e dinamización lingúística no que participamos encantados e do que tedes toda a info aquí.

Nestes dous videos confesamos o delito e pedimos clemencia, aínda que o máis importante é darlle os parabéns aos chavales.  Sodes un luxo para un profe.

O de música:

 

O de plástica:

O vindeiro sábado 1 de decembro estaremos no Pazo da Cultura de Pontevedra, no Culturgal, a feira das industrias culturais galegas, compartindo as nosas experiencias de música e imaxe, unha das 5 seleccionadas entre as que introducen o uso das novas tecnoloxías nas aulas.

O programa do Culturgal 2012 inclúe unha vez máis actuacións en directo, relatorios, mesas redondas e un apartado especial de actividades deseñadas para os rapaces e as familias.  Vémonos!

Ao comezo do curso recibimos os do AudioVisual As Barxas una invitación da Coordinadora galega de equipos de normalización e dinamización lingüística para colaborarmos na promoción dunha das súas actividades.  Consistía en facer un video que animase a participar na lectura colectiva e simultánea do poema Deitado frente ao mar, de Celso Emilio Ferreiro, planeada para o vindeiro 12 de decembro.  Como a iniciativa parecéunos moi interesante e como ademáis non temos paraxe, decidimos aceptar o reto de abordar ese clásico da literatura galega que, para máis aquel, xa fora obxecto de diferentes aproximacións desde a música ou mesmo desde o humor.

Así que puxémonos a traballar.  Os da música tivemos claro desde o principio que a ese poema con tanta forza dramática, tan comprometido, quizáis facíalle falta un chisco de pementa pop que contribuise a actualizar a mensaxe, sen perder nada do seu sentido, iso si; queríamos renovalo, pero sen deixar de respetar o que di e por que o di.

Nesas cousas da procura da inspiración saíron ben cedo dúas pezas de referencia:  Ma quale idea (o clásico discotequeiro dos 80 de Pino D´Angio) e 911 is a joke, outro clásico dos Public Enemy, un grupo de rap combativo e comprometido como seguramente non hai outro.  Logo foi deixar que a cousa fose fluindo ata que ao final chegamos con dúas versións, (ambas marchosiñas e irónicas, a segunda, cun chisco de sarcasmo) nas que traballamos na aula de música co alumnado de 1º de bacharelato, ao que sumáronse algúns de tercerio da e.s.o. para os coros a os profes Iria Collazo á voz e a guitarra de Luis Camilo, o profe de tecnoloxía das Barxas, famoso entre outras cousas por ter sido integrante dos grandes do metal galego Crazy Cabuxa.

Do traballo feito pola compañeira Luz Beloso e o seu alumnado do obradoiro de Plástica As Barxas, falan por si mesmas as imaxes.  Que os disfrutedes.

A Revista Educación 3.0 vén de outorgar ao proxecto audiovisual que levamos adiante no IES As Barxas o premio 2012 á mellor iniciativa TIC 2012.

O traballo obxecto do premio foi Historias de un cuarto de baño, 6 curtas artelladas pola profe Luz Beloso e o seu alumnado de 4º da ESO, no departamento de plástica.  Os de música contribuímos coa gravación das voces en off e coa canción Yo no soy tu – Eu non son ti, coa que remata a derradeira curta, Cabaret Barxas, (que vos deixo aquí en baixo) que ao final do curso pasado acabou por converterse nun hit made in feito na casa.

Unha aperta moi grande aos chavales, algúns que xa non están no centro e sempre é estupendo atopalos por Moaña e falar con eles, e a todos os compañeiros implicados: Iria ( a que vedes na foto de arriba), Rubén, Fran, Vero, Pilo, Javier…. Así dá gusto!

Neste deprimente contexto no que vivimos. Coa sensación e a consciencia de estar nas peores mans, costa abaixo e sen frenos, non deixa de ser un milagre que Luz Beloso e eu, no Audiovisual As Barxas, estemos de volta e moi ilusionados cos novos proxectos de músicas e video clips e pelis, coa máquina xa en marcha.

É bastante probable que un día destes acaben con nós, que esta e quen sabe se novas iniciativas lexislativas acaben por desterrar ás materias artísticas do ensino  Así que mellor pasar, facer coma quen fora impermeable a uns prantexamentos tan equivocados.

Celso Emilio Ferreiro vai cumplir 100 sobre unha cama de loops;  Alicia, no país das marabillas, prepara o baile da non avaliación e Hada Esther tece o futuro dos nenos especiais cun fío de confianza sen fin.

Agora si que vai en serio, xogámonos moito.  Atentos ás súas pantallas.

Mañá, as 22:30, no Var con Uve de Moaña, comeza a Feira das curtas, unha cita co cinema no que o Audiovisual As Barxas terá o papel protagonista en dous dos 5 días de emisións.

Aí vos deixo unha das curtas que fixo o alumnado de 4º da ESO neste curso, con cameos dalgún que outro profe  😉

Alá imos!

Á hora de deseñar un proxecto audiovisual desde pretextos musicais e a través dos medios cos que contamos nunha aula de música de secundaria, pensei en camiñar en sentido inverso ao que o fixera ata o de agora.   Se antes artellaba proxectos que consistían en facer música partindo doutros medios artísiticos (a poesía, sobre todo), agora tratábase de converter en cinema contidos de orixe musical.

Coñecía The gift (O agasallo) a historia que Lou Reed escribira como traballo para a facultade de literatura na que estudaba e que despóis incluíu cun acompañamento instrumental no segundo disco de The Velvet Underground, desde facía xa máis de vinte anos, e considerei que era o material perfecto para comezar un proxecto de integración total do medio audiovisual na miña actividade docente.

Tiñamos que adaptar o guión, do que contabamos cunha edición bilingüe inglés-castelán, ao tempo dos nosos adolescentes e ás súas circunstancias.  Para iso contamos coa profe de galego e responsable de dinamización lingüística do IES As Barxas, Iria Collazo, que revisou cada versión que ía saíndo da aula de 1º de bacharelato.

Tiñamos ademáis que compoñer a banda sonora.  Hai moitas versións de The gift colgadas na rede; a idea de converter en curtametraxe ese texto non resultou ser moi orixinal, e tiñamos que aportar algo novo, non só en canto á historia en si. Así que decidimos prescindir totalmente do instrumental da Velvet e Alejandro Iglesias e Ana Gil, de 4º da ESO, compuxeron unha peza en tres pequenos movementos para instrumental orff, en la menor armónico para darlle un chisquiño de angustia á unha historia tan peculiar.

Lóxicamente todo iso tivemos que ensaialo, rodalo, gravalo, montalo, editalo…co que ningún aspecto da produción cinematográfica foi allea ao noso cometido.  Isto daría mesmo para facer un blog aparte.

O resultado aí o tedes.  Unha aproximación ao cinema coa música como catalizadora da arte total.

Mañá é o gran día do audiovisual no IES As Barxas.  Estreamos 8 (8!!!) curtametraxes.  A saber: unha nova entrega de A Muller Lamprea, a heróina particular do noso insti, batalladora incansable contra os prexuízos que atacan a nosa lingua; O agasallo, baseada nunha historia orixinal que Lou Reed convertíu en The gift, unha peza do segundo disco da Velvet Underground, que o alumnado de 1º de Bacharelato adaptou para esta curta na que integramos completamente a arte cinematográfica na aula de música de secundaria, incluída a composición, a interpretación e a gravación da banda sonora a cargo dos chavales de 4º da E.S.O., e Historias dun cuarto de baño, un proxecto da profe Luz Beloso e o seu alumnado de 4º, artellado coma un mosaico composto de 6 curtas onde varios xéneros fíanse arredor diso, dun cuarto de baño. A este proxecto contribuimos desde o obradoiro músicasbarxas gravando e editando voces en off e esta divertida canción, da que vos deixo o video, que pecha o ciclo e que se está a converter no himno semioficial do instituto, cun estribillo que non deixa de ser unha declaración de principios nos beizos dun estudante adolescente machucado polo academicismo e a pseudo-pedagoxía: Eu non sei o que queres: unha estatua, un ser inerte…

Temos gala entón, mañá 20 de xuño, ás 18:00, no salón de actos.  Estades tod@s convidados!

Do traballo que levaron adiante no obradoiro de stop motion do IES As Barxas para facer a animación que ilustra o poema Odisea última (do que vos falo no post de abaixo), déixovos este video que explica por si mesmo o talento e as horas empeñadas no proxecto pola profe Luz e os chavales, en tantos e tantos recreos do que levamos de curso.

A tod@s parabéns!