Da biblioteca do IES As Bizocas de O Grove chega a convocatoria da séptima edición do Certame de poesía Xosé A. Barral, o concurso de ámbito escolar no que os poemas gañadores son musicados pola  Orquestra Orff IES As Bizocas.
Como impulsor no seu día desta iniciativa quero darlle moitos parabéns a Marta Fernández e a Cecilia Iglesias e agradecerlles que tomaran o relevo.

O prazo de presentación de orixinais remata o 15 de abril.  Animádevos a participar!

Advertisements

Do Grove, do IES AS Bizocas, chegoume ao final do curso a mellor noticia posible: a confirmación de que había continuidade para o Certame de poesía Xosé Antón Barral e para o Música nas túas palabras, o festival que o complementa.  Os que seguides o blog xa sabedes que a particularidade dese certame de literatura escolar está en que os poemas gañadores son musicados, co que a unha achega interdisciplinar  sumáse un enfoque de absoluto compromiso coa creatividade.

Agora son Marta Fernández, a responsable da biblioteca, e Cecilia Martínez, a nova profe de músicas das Bizocas, as que manteñen viva unha iniciativa que cumple xa 6 aniños.

Sempre, por estas datas, subía eu á rede os videos dos poemas convertidos en cancións.  Desta volta só podo facerme eco do gañador deste ano: Canto tempo pasou, da miña ex-alumna Marta Díaz e expresar o meu máis profundo agradecemento.

Parabéns!!!

Mañá celébrase a gran gala do Audiovisual escolar galego, a entrega dos premios Olloboi 2012.

Foi no 2008 cando un grupo de profes transformou á súa sensibilidade pola imaxe nunha iniciativa da que primeiro saíu o grupo Rodaxe e deste o Festival Audiovisual Olloboi, orientado nun principio ás producións do ámbito escolar.

En total presentáronse nesta edición 87 traballos dos que fai pouco soubemos os finalistas.  Entre eles Musicando Arbo, o docu-video clip que ao fin do curso pasado realicei como escolma de todo o traballo desenvolvido cos chavales do IES As Bizocas de O Grove (o certame de poesía Xosé A. Barral, do que xa hai fallo da sexta edición, e a Orquestra Orff IES As Bizocas), nominado para o premio ao mellor guión e para o Olloboi escolar.

Parabéns aos organizadores e moita sorte a todos os finalistas. Será ás 21:00h na Casa da Cultura Ramón Martínez López de Boiro.  Unha ocasión para non perder.

Da pasada edición do Certame de poesía Xosé A. Barral, da que eu era responsable no IES As Bizocas, en O Grove, quedárame sen musicar (por razóns persoais que veñen e non veñen ao caso) o poema gañador da categoría de bacharelato; Odisea última sobre mantas de flanela, do alumno do IES Virxe do mar, de Noia, Ismael Ramos Castelo.

Nun principio non vislumbraba eu naquel poema complexo e abundante en imaxes unha canción de estrutura clásica no seu aspecto formal e comecei a pensar en facer unha mestura entre recitado e canción ou máis ben coro que nin eu mesmo tiña moi claro como ía ir ata que un día colguei a guitarra e voilá! alí estaba de arriba abaixo unha canción agochada que dei en abreviar en Odisea última, un dueto que comparto coa alumna do IES As Barxas Jennifer Cancelas, que aí vedes na foto, en plena sesión de gravación.

Xa en Moaña, a miña colaboración con Luz Beloso comezou precisamente coa Odisea: as voces graváronse tan cedo como finais de outubro e desde entón ata agora estuveron traballando nos recreos os rapaces do obradoiro de stop motion do departamento de plástica, mentras nós seguíamos gravando partes (á dereita vedes a Ismael Otero co seu Epiphone sg) e mesturando unha primeira versión da maqueta ata que por fin podemos presentar este novo video do Audiovisual As Barxas.

Quixo a casualidade que hoxe mesmo me chegara por mail a convocatoria do VI certame de poesía que a miña muller, Olga Lalín, e eu fundamos no Grove e quero aproveitar a ocasión para desexarlles toda a sorte do mundo aos meus ex compañeiros das Bizocas, especialmente a Marta Fernández, a responsable da biblioteca do centro.  Estou seguro de que a idea dun concurso de poesía que aúne música e letra, que implique a tantos departamentos didácticos e que tire tanto da creatividade do alumnado e en tantos aspectos, segue sendo válida se o que se procura é un ensino vivo, activo e participativo.

Do V festival Música nas túas palabras, e do traballo de musicar os poemas gañadores da edición deste curso do Certame de poesía Xosé A. Barral vai quedar, polo de agora, este video; un documental que remata en video clip, que é un pouco o comezo da miña despedida do I.E.S. As Bizocas, despois de 7 anos imposibles de esquecer.

Parabéns coma sempre, e moi especialmente, a un alumnado entusiasta, traballador e entregado.

 

 

Atención que estes son os premiados nesta edición:

Na categoría de E.S.O.: Arbo, de Carmen Torres Besada, alumna de 2º da E.S.O. do I.E.S. As Bizocas, a que vedes na foto de arriba, nun ensaio coa Orquestra Orff I.E.S. As Bizocas, da que é membro desde comezos do curso 2010-2011.  O seu poema, feito de imaxes e sentidos, é un canto ás marabillas dun día calquera.

Na categoría de Bacharelato:  Odisea última entre mantas de flanela, de Ismael Ramos Castelo, do I.E.S. Virxe do mar, de Noia (A Coruña).  Ismael presentou dous poemas a concurso, este e Monólogo de nota detida. Dous estralos nos que habitan viveiros de metáforas e territorios por explorar: naufraxios de lavadora, mans engurradas de vestixios, mares enteiros debaixo da cama… Non vos fiedes desa cara de bo rapaz, este poeta évos dos que son francotiradores!

Parabéns aos dous!!!

Un ano máis cómpre dar as grazas a todas e a todos os participantes. E a todas e a todos os que contribuides dunha maneira ou doutra a que este certame se consolide e vaia indo a máis con cada convocatoria.

Hoxe tocaba abrir os sobres cos poemas aspirantes ao V Certame de poesía Xosé A. Barral.  E un ano máis comprobamos que chegaron de todas partes; de Nigrán, da Rúa, moitos de Maceda e de Chapela, de Noia, de Vigo, e os de Vilalonga que nunca fallan!  Grazas Elisa! E grazas tamén a cantos compartides a teima dun ensino activo e participativo.

Teño na miña mesa versos e versos e historias como a dunha muller que construía castelos de auga e poemas de música reservada e de entregas cristalizadas, de laios adolescentes e ata do barça e o madrid e do Xapón e infartos por desamor, deses, a moreas!

A ler poesía entón.  Un, dous, tres, xa.