O pasado sábado 1 de decembro os do AudioVisual As Barxas tivemos a oportunidade de compartir os nosos faceres no espazo da feira galega das industrias culturais, o Culturgal, dentro do bloque temático Ferramentas TIC e multimedia nas aulas, unha visión práctica.  Compartimos escenario con vellos e novos amigos coma Román Landín e Miguel Ángel Alonso Diz, contamos cos compañeiros das Barxas como Vero, Vero PT e Pilo e tivemos a oportunidade de coñecer docentes con iniciativas impresionantes,  das que falaron ali mesmiño.  Entre eles estaban os amigos do CEP Sequelo, de Marín,  e o EEI Monte da Guía, de Teis, co seu Xabarín 18; Manuel González, do IES Concepción Arenal, de O Ferrol, amosando que innovación e creatividade son cousa de tódalas materias, con proxectos como Artistas de 1º A e a súa canle Cliphistoria (1600 subscriptoras-es!!!)…en fin, unha ocasión estupenda para o (re) encontro, a inspiración e a carga de baterías.

Do que aconteceu fixo este video a miña compañeira Luz Beloso, coa que sempre é un pracer traballar.

Advertisements

O vindeiro sábado 1 de decembro estaremos no Pazo da Cultura de Pontevedra, no Culturgal, a feira das industrias culturais galegas, compartindo as nosas experiencias de música e imaxe, unha das 5 seleccionadas entre as que introducen o uso das novas tecnoloxías nas aulas.

O programa do Culturgal 2012 inclúe unha vez máis actuacións en directo, relatorios, mesas redondas e un apartado especial de actividades deseñadas para os rapaces e as familias.  Vémonos!

Os días 26, 27 e 28 de novembro, entre as 11 e as 21 horas, no Pazo da Cultura de Pontevedra: Nova edición do Cultur.gal, a feira da industria cultural galega.  Con concertos, foros, faladoiros, cinema, exposicións e un completísimo etcétera.  É dicir: unha excusa inmellorábel para mergullarnos no bule bule do país, e de balde!

Co patrocinio da Xunta, do Concello de Pontevedra e do Xacobeo 2010, entre outros, procúrase, e ogallá se acade, a súa consolidación como escaparate  e catalizador do sector.

A feira galega das industrias culturais, o Culturgal, consolidárase o ano pasado como unha cita ineludíbel para o ocio e para o negocio da cultura.  40000 visitantes achegáronse daquela ao Palexco de A Coruña e semellaba que por fin o poder político e a iniciativa privada ían da man conscientes da importancia da cultura en calquer tecido económico desenvolvido e de que no propio, no que nos diferenza, está o noso verdadeiro potencial.

Mais chegou a crise e o novo goberno e con el voltou o máis rancio provincianismo, a mira estreita e, o peor de todo, unha maneira de considerar o país e a cultura triste e acomplexada.  O Culturgal sobra nesa filosofía e a crise foi a excusa perfecta.

AchegArte (de novo en A Coruña, o 28 e 0 29 deste mes) chega para ocupar o seu lugar e que se saiba que hai sociedade civil e que é consciente de seu.

Do 4 ao 7 de decembro vaise celebar en A Coruña o Cultur.gal, unha iniciativa que pretende ser escaparate e eixe da industria cultural do noso país. Unha gran feira adicada á creatividade que amosará os libros, o cinema…os produtos culturais tradicionais e os froitos das últimas tecnoloxías, no que supón un gran esforzo para axudar a crear un espazo de encontro e desenvolvemento empresarial arredor da cultura.

A entrada é de balde e haberá actividades de todo tipo para os nenos e nenas, para o público en xeral e para profesionais, como o Foro-encontro Letras Vivas, mesas redondas sobre artes escénicas, showcases musicais, xornadas sobre o libro, sobre os servizos e produtos para a dinamización lingüística (a os coordinadores e coordinadoras de equipos de normalización préstasevos moita atención, non deixedes de visitar a web que os prazos de inscrición están a rematar), sobre novas tecnoloxías, sobre as industrias musicais…

Como vedes de todo e no Palexco de A Coruña (Peirao de Transatlánticos s/n).

Vémonos!