Aproveitando que onte foi o Día internacional da música, o de Santa Icía de toda a vida, os do departamento de música do IES As Barxas preparamos (en realidade foi a miña compañeira Marta Barreiro quen fixo todo o traballo) un acto sinxelo para celebrarmos o feito de ter un alumnado tan musical no instituto e, de paso (e por iso),  alertar sobre o perigo que corre o ensino da nosa disciplina á luz do que di e non di o anteproxecto de reforma educativa que ten preparado o actual goberno.

Tal como están as cousas Rubén e Alex, os saxofonistas que tedes no video, vanno ter cada vez máis complicado.  Van ter moitas menos horas de música na secundaria obrigatoria e non van ter a posibilidade de compaxinar os seus estudos musicais cos de bacharelato.  De chegaren a titular nun conservatorio superior verán como os seu 16 anos!!! de traballo non van ter a mesma consideración legal que os da unha licenciatura normal de, digamos, 4 anos (!).

Quizáis entón, coma tanta e tanta xente, poderán emigrar a un país no que a música se respete, no que a dedicación e o esforzo non sexan máis que palabras baleiras.

Disfrutádeo,  que destes videos acabará habendo poucos.

Tamén, si.

Aproveitando o San Valentín…aí tedes un video froito da colaboración do Audiovisual As Barxas co departamento de normalización do IES do mesmo nome, de Moaña, no que andamos implicados presuntamente.

Tiñades que ver a cachaza de Lucía e Xiana, de primeiro da ESO, cando viñeron gravar as voces á aula de música.  Impresionantes.

Unha escusa para desexarvos felicidade.

Na miña etapa no IES As Bizocas, en O Grove, a intuición e a intención leváranme a definir cales eran para min as claves dun ensino útil, afastado o máis posible da clase maxistral (aínda que as veces haxa que botar man dalgunha), e da concepción do alumnado como simples contedores baleiros que os profes temos a obriga de encher polo ben da transmisión, na miña especialidade, do sacrosanto canon da música occidental.  Esa visión academicista que todo o invade, á práctica mais tamén á xestión docente, non estaría mal se a realidade non fora tan teimuda, arroxando uns índices de fracaso escolar tan inaceptables coma os do paro, indicándonos que, polo menos, deberíamos probar a cuestionalo todo.

Un bo día, mentras explicaba de costas a unha clase de segundo da ESO unhas nocións básicas de interválica, sentín un bule bule especial, virei e ao ver á chavalería dinme conta do que ía o asunto, toda a clase parecía facerse a mesma pregunta: de que fala este pirado?  E tiñan razón, repasando os libros de texto da materia de música empregados no ensino secundario, calquer especialista pode chegar á conclusión que moitos dos contidos están, no mellor dos casos fóra de contexto ou, o que é peor, introducidos sen unha aplicación práctica significativa co que, a outra pregunta que se fai calquera cando algo lle custa un esforzo, e isto para que serve? vén a tirar por terra calquer estratexia proxectada nas programacións didácticas.  Lembro agora o que me dixo un alumno de cuarto nun dos primeiros días de clase: a mi me gusta mucho la música, eh? Como anticipando que quizáis o meu maxisterio ía rematar coa súa paixón musical.

Daquelas reflexións naceron o Certame de poesía Xosé Antón Barral, que pretendía tirar da creatividade dos rapaces de xeito interdisciplinar, abranguendo literatura, música e artes visuais e a Orquestra Orff IES As Bizocas, unha formación estable que empregaba os instrumentos propios da dotación dunha aula de secundaria, ademáis de canteira de compositores, intérpretes e arranxistas. Ambas iniciativas deron tanto traballo como satisfaccións e a través delas descubrín que a diferenza que había entre seguir as pautas do ensino tradicional e apostar por iniciativas que fixeran ao alumnado sentirse o verdadeiro protagonista eran as que hai entre ter a unha clase preguntándose para que está na aula ou tela entusiasta  e tirando dun mesmo. Asegúrovos que traballar nesas condicións converten ao ensino nunha experiencia marabillosa e eficaz.

Estando nese proceso de cambio de enfoque, no que tanto terei aínda que perseverar (o seguinte ten que ser xa a programación por proxectos, seguro), déronme o IES As Barxas no concurso xeral de traslados, do que só coñecía, a través de Soncine, o labor da profesora Luz Beloso, no departamento de plástica.  O seu traballo (que neste mesmo curso recibiu o prestixioso premio Crearte do Ministerio de Cultura) e o do alumnado que participa das súas iniciativas no centro moañés, compartía esa mesmiña intención, a de chegar ás cousas a través dun prantexamento fundamentalmente práctico, contando co alumnado como axente activo. Nin que dicir ten que faltou tempo para comezar a sumar esforzos que a piques están xa de dar os seus primeiros froitos.

O que tedes arriba é o video da cortiniña que vai preceder ás producións que vaian saíndo do proxecto audiovisual no que estamos empeñados no instituto, nós e Jenni, Noelia, David, Melanie, Alex, Laura, Daniel, Joel, Sara, María, Isma, Ana, Hugo, Álvaro, Paula, Iago Sowel (que aínda se achegou a gravar o venres pasado), Sebe, Lorena, Cristian, Lucía, Inés, Jessica, Macarena, Gael, Raquel, María, Adrián, Alberto e un longo e motivado etcétera.

Atentos ás súas pantallas.