Terra de artistas a de Soutelo de Montes, desde logo que si. Aínda que nun blog coma este, adicado á música, un agardaría máis atopar un post sobre Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo, nesta ocasión e, dentro da serie Espellos, vouvos falar un pouco de Virxilio Vieitez (1930-2008), o que alguén cualificou coma o Elliot Erwitt galego.
Superada entón a proba da comparación cun estranxeiro ilustre, xa ninguén dubida do valor da obra do que durante moitos anos foi o fotógrafo das xentes de Terra de Montes (Cerdedo, Avión, Forcarei…). Nelas un asiste á realidade dun país que xa non é e que foi maxistralmente retratado e documentado por un neorrealista sen querer, (se a humildade de Virxilio lle impedía ter unha intencionalidade artística desde o punto de vista intelectual, o que non deixa de ser outro aburrido tópico dos que soen atribuirse aos heroes da cultura popular).
Para os que gostades de completa-la paisaxe: premendo no cartel podedes acceder a Contactos, o documental que sobre Virxilio Vieitez filmou Marcos del Pino no 2006.