Alex Táboas, de 2º da E.S.O., presenta agora as súas variacións desplegando poderío e musicalidade; talento, descaro na interpretación e paixón verdadeira, case nada.  Como os bos músicos, Alex toca con todo o corpo, sinte e fai sentir.

Integrado dentro da serie Crea clips, do Obradoiro Músicasbarxas, este exercizo non deixa de darnos alegrías. Os de Moaña podedes estar tranquilos, a canteira de estrelas da música non deixa de producir.  En breve, máis.

Que o disfrutedes!

Tempo agora para a aportación de Sebastián Pérez, o segundo alumno en gravar as súas variacións sobre o valse das Bizocas, dentro da serie Crea Clips do Obradoiro Músicasbarxas.

As de Sebastián son as dun chaval sen máis estudos musicais que os recibidos en primaria (exiguos), que ademáis non tivo música en primeiro da secundaria, polo que, na práctica, é case coma se comezara de novo.  Por iso hai que darlle todo o valor que merece o seu traballo; catro variacións para frauta de bico, a súa de plástico de dixitación alemana, nas que sorprende, especialmente na segunda, pola súa natural capacidade para deixar que a música respire en todas e en cada unha das notas.

Parabéns Sebas, outro dez!

Xa de volta de Santiago, da ponencia que presentamos na I Xornada do Proxecto Abalar os do Audiovisual As Barxas, déixovos como mostra a presentación (con mini video incluído) da miña parte, a que corresponde á parte musical da nosa iniciativa.  Grazas outra vez aos asistentes, por ter elexido a nosa experiencia de entre as tres que simultáneamente estábanse celebrando. Prometemos seguir e seguir e seguir.

Para realizala empreguei Keynote, o software equivalente a Powerpoint de Apple. Se queredes seguila ben recoméndovos que esteades atentos aos cambios de páxina e premades na pausa para non perder detalle.

Do meu tempo no IES As Bizocas, no Grove, teño moitos momentos que van quedar xa para min para sempre.  Encontros, desencontros, alegrías, tristuras tamén unhas cantas, claro, e  chegar e ver o mar de Ons desde a ventá da miña aula. Increíble aquela vista, non coñezo moitas nin a metade de impresionantes.

Nunha mañá desas raras nas que o alumnado estaba de excursión ou así e ti tes unha desas horas libres, collín unha frauta e compuxen un valse de reollo da vista do mar, nun día gris como hai tantos.  O Valse das Bizocas, chameille; un sinxelo valse tradicional  que agochei nalgures e que deume por empregar agora co alumnado de 2º da ESO das Barxas, en Moaña, para un novo exercizo de composición dentro da serie Crea clips.

O que tedes embaixo é a primeira aportación, a de Hugo Pena, que compuxo nada menos que 5 variacións para piano, nas que xoga coa melodía con verdadeira inspiración.  Parabéns Hugo, isto é un 10, sen dúbida!

Se eres profe de música en secundaria e estás procurando unha actividade que integre as TICS na aula, que fomente o traballo colaborativo e achegue ao alumnado á industria da cultura e do espectáculo dun xeito directo e (razoablemente) doado, non lle deas máis voltas: pon un lip dub na túa axenda escolar.

Eu comecei no 2009, no IES As Bizocas, cunha canción dos Heredeiros da Crus, Motosicleta man, e este que vos amoso agora é o último mais non derradeiro.  É tanta a demanda de lip dubs por parte dos chavales que a posibilidade de que eu deixe un dos meus grupos sen un sería impensable, un agravio imperdoable.

Coa sección bilingüe (de música en inglés) de 3º da E.S.O., un estupendo grupo embandeirado na efervescencia adolescente, levabamos desde principio de curso planexando un lip dub que se axustase ás súas características.  A primeira opción era Call me maybe, de Carly Rae Jepsen, mais fomos perdendo o entusiasmo a medida que pasaba o tempo e a filmación proxectada no patio íase adiando a causa do frío e da chuvia.  Foi a miña muller, Olga Lalín, quen me falou de We are golden, de Mika; unha canción supersónica, mestura de Bee Gees, os Queen máis glam e gospel desatado, desas que a un lle fan renovar os votos polo rock and roll e perfecta para o grupo en cuestión.

O demáis aí o tedes.  Unha reivindicación da adolescencia por enriba dos tópicos que é, en realidade, unha celebración de estarmos vivos.  O paralelismo coa ameaza que as autoridades educativas do estado fan pesar sobre a materia de música no ensino secundario é evidente:  We are not what you think we are: We are golden!  Non somos o que ti pensas:  Somos ouro!

philip newell, palmira calvar e seso durán

Hoxe foi un deses días especiais, deses días raros nos que os mitos toman corpo a través da voz dalguén que sabe, que os tratou e que os trata de xeito cotián, pois en realidade é un deles. Hoxe foi o día de Philip R. Newell, o enxeñeiro, técnico de son e deseñador de estudios de gravación, mais tamén  piloto de hidroavións e aventurerio de alma profundamente artística.

Na hora e media escasa que tivemos desfilaron Queen, Led Zeppelin, Mike Oldfield, Virgin records, os Yamaha NS10, Stravinsky, Prokofiev, Rachmaninov, Handel, Maurice Ravel, Mussorgsky, Shostakovich, a loudness war e a psicoacústica, os cambios na función social da música provocados pola revolución dixital, a crise tremenda da industria discográfica e a esencia mesma da arte do rexistro sonoro.

Mágoa de ter tan pouco tempo, mais queda o feito de que o de hoxe non foi máis cunha primeira toma de contacto.  Mr. Newell está a punto de participar nun proxecto didáctico que presentaremos en breve no IES As Barxas.  A música é importante.  No Doubt!

recitando celso emilio

Non queda nada nadiña xa; mañá 12 do 12 do 12, ás 12 (como se enteren os maias adiantan o apocalipse, esa data é máis redondiña), os do IES As Barxas ímonos sumar ao recitado colectivo do poema Deitado frente ao mar, de Celso Emilio Ferreiro.

RecitandoCelsoemiliO, é unha proposta da Coordinadora Galega de equipos de Normalización e Dinamización lingüística, que ten como obxectivo rendir homenaxe ao escritor de Celanova no centenario do seu nacemento mediante un acto colectivo (no que están apuntados xa milleiros de alumnos), de reivindicación da nosa lingua.  No noso instituto estámoslles moi agradecidos por contaren con nós para levar adiante unha iniciativa da que tedes toda a información aquí.

Porque nos peta e porque nos dá a gaña, galego porque si.

count on me stroy board 2

Neste curso comezamos no IES As Barxas coas seccións bilingües.  A min, desde que comezara con elas no IES As Bizocas, creo que no 2006, sempre me pareceu interesante participar nun proxecto que ten por obxectivo a aprendizaxe das linguas extranxeiras nun contexto non estrictamente lingüístico, no meu caso coa materia de música en inglés.

Co grupo bilingüe de 2º da ESO tiven como proxecto principal do primeiro trimestre facer un lip dub, unha actividade da que teño falado en moitas ocasións neste mesmo blog e que sempre é recomendable; motivante como poucas, supón un exercizo de coordinación, de traballo en grupo e de interpretación que moi poucas veces teñen os chavales a oportunidade de levar adiante. Así que a seguir teimando.

Para facer o lip dub da canción Count on me, de Bruno Mars, partimos dos intereses do alumnado propoñendo que eles mesmos suxiriran cal era a canción coa que querían traballar.  Os únicos límites estaban na lingua, tiña que ser en inglés polas propias características do grupo, a letra (somos un centro educativo…) e que fora factible, o lip dub é literalmente dobraxe de beizos, hai que cantar para cravar o playback (e insisto niso porque abondan exemplos na rede de videos que se chaman lip dub sen ser tales), e iso é complicado se queres empregar por exemplo un rap ultra rápido.

Cando tivemos a canción, o que, tiñamos que procurar o como e os chavales tiveron que presentar como exercizo de clase un storyboard, no que se describise mediante texto e debuxo toda a acción, mentras que coa miña compañeira de inglés Palmira Calvar traballaban o vocabulario, a pronuncia…  Ao final decidimos facer algo sinxelo e complicado ao mesmo tempo.  Como era para o primeiro trimestre, na época de peor tempo do curso, tiñamos que prantexalo nun espazo cuberto e a mesma aula é sempre o máis cómodo.  Pero que facer na aula?  Procurando inspiración na rede atopei esta marabilla:

Impresionante mais complicado, non?  Para ver de intentar facelo fun directo á aula de plástica a preguntarlle á miña compañeira do AudioVisual As BarxasLuz Beloso, se sabía como podía dividir o plano xeral e claro que o sabía, andivemos fedellando un chisco no Final Cut e xa o que quedaba era poñerse a traballar.  Reducimos os oito planos do video de Fredasterical a catro e aportamos como novedade que entre os nosos podería establecerse algún tipo de acción de cando en vez.

Aquí tedes o resultado, estes chavales das Barxas son uns artistasos!

O pasado sábado 1 de decembro os do AudioVisual As Barxas tivemos a oportunidade de compartir os nosos faceres no espazo da feira galega das industrias culturais, o Culturgal, dentro do bloque temático Ferramentas TIC e multimedia nas aulas, unha visión práctica.  Compartimos escenario con vellos e novos amigos coma Román Landín e Miguel Ángel Alonso Diz, contamos cos compañeiros das Barxas como Vero, Vero PT e Pilo e tivemos a oportunidade de coñecer docentes con iniciativas impresionantes,  das que falaron ali mesmiño.  Entre eles estaban os amigos do CEP Sequelo, de Marín,  e o EEI Monte da Guía, de Teis, co seu Xabarín 18; Manuel González, do IES Concepción Arenal, de O Ferrol, amosando que innovación e creatividade son cousa de tódalas materias, con proxectos como Artistas de 1º A e a súa canle Cliphistoria (1600 subscriptoras-es!!!)…en fin, unha ocasión estupenda para o (re) encontro, a inspiración e a carga de baterías.

Do que aconteceu fixo este video a miña compañeira Luz Beloso, coa que sempre é un pracer traballar.

A Revista Educación 3.0 vén de outorgar ao proxecto audiovisual que levamos adiante no IES As Barxas o premio 2012 á mellor iniciativa TIC 2012.

O traballo obxecto do premio foi Historias de un cuarto de baño, 6 curtas artelladas pola profe Luz Beloso e o seu alumnado de 4º da ESO, no departamento de plástica.  Os de música contribuímos coa gravación das voces en off e coa canción Yo no soy tu – Eu non son ti, coa que remata a derradeira curta, Cabaret Barxas, (que vos deixo aquí en baixo) que ao final do curso pasado acabou por converterse nun hit made in feito na casa.

Unha aperta moi grande aos chavales, algúns que xa non están no centro e sempre é estupendo atopalos por Moaña e falar con eles, e a todos os compañeiros implicados: Iria ( a que vedes na foto de arriba), Rubén, Fran, Vero, Pilo, Javier…. Así dá gusto!