Neste deprimente contexto no que vivimos. Coa sensación e a consciencia de estar nas peores mans, costa abaixo e sen frenos, non deixa de ser un milagre que Luz Beloso e eu, no Audiovisual As Barxas, estemos de volta e moi ilusionados cos novos proxectos de músicas e video clips e pelis, coa máquina xa en marcha.

É bastante probable que un día destes acaben con nós, que esta e quen sabe se novas iniciativas lexislativas acaben por desterrar ás materias artísticas do ensino  Así que mellor pasar, facer coma quen fora impermeable a uns prantexamentos tan equivocados.

Celso Emilio Ferreiro vai cumplir 100 sobre unha cama de loops;  Alicia, no país das marabillas, prepara o baile da non avaliación e Hada Esther tece o futuro dos nenos especiais cun fío de confianza sen fin.

Agora si que vai en serio, xogámonos moito.  Atentos ás súas pantallas.

Mañá, as 22:30, no Var con Uve de Moaña, comeza a Feira das curtas, unha cita co cinema no que o Audiovisual As Barxas terá o papel protagonista en dous dos 5 días de emisións.

Aí vos deixo unha das curtas que fixo o alumnado de 4º da ESO neste curso, con cameos dalgún que outro profe  😉

Alá imos!

Á hora de deseñar un proxecto audiovisual desde pretextos musicais e a través dos medios cos que contamos nunha aula de música de secundaria, pensei en camiñar en sentido inverso ao que o fixera ata o de agora.   Se antes artellaba proxectos que consistían en facer música partindo doutros medios artísiticos (a poesía, sobre todo), agora tratábase de converter en cinema contidos de orixe musical.

Coñecía The gift (O agasallo) a historia que Lou Reed escribira como traballo para a facultade de literatura na que estudaba e que despóis incluíu cun acompañamento instrumental no segundo disco de The Velvet Underground, desde facía xa máis de vinte anos, e considerei que era o material perfecto para comezar un proxecto de integración total do medio audiovisual na miña actividade docente.

Tiñamos que adaptar o guión, do que contabamos cunha edición bilingüe inglés-castelán, ao tempo dos nosos adolescentes e ás súas circunstancias.  Para iso contamos coa profe de galego e responsable de dinamización lingüística do IES As Barxas, Iria Collazo, que revisou cada versión que ía saíndo da aula de 1º de bacharelato.

Tiñamos ademáis que compoñer a banda sonora.  Hai moitas versións de The gift colgadas na rede; a idea de converter en curtametraxe ese texto non resultou ser moi orixinal, e tiñamos que aportar algo novo, non só en canto á historia en si. Así que decidimos prescindir totalmente do instrumental da Velvet e Alejandro Iglesias e Ana Gil, de 4º da ESO, compuxeron unha peza en tres pequenos movementos para instrumental orff, en la menor armónico para darlle un chisquiño de angustia á unha historia tan peculiar.

Lóxicamente todo iso tivemos que ensaialo, rodalo, gravalo, montalo, editalo…co que ningún aspecto da produción cinematográfica foi allea ao noso cometido.  Isto daría mesmo para facer un blog aparte.

O resultado aí o tedes.  Unha aproximación ao cinema coa música como catalizadora da arte total.

Mañá é o gran día do audiovisual no IES As Barxas.  Estreamos 8 (8!!!) curtametraxes.  A saber: unha nova entrega de A Muller Lamprea, a heróina particular do noso insti, batalladora incansable contra os prexuízos que atacan a nosa lingua; O agasallo, baseada nunha historia orixinal que Lou Reed convertíu en The gift, unha peza do segundo disco da Velvet Underground, que o alumnado de 1º de Bacharelato adaptou para esta curta na que integramos completamente a arte cinematográfica na aula de música de secundaria, incluída a composición, a interpretación e a gravación da banda sonora a cargo dos chavales de 4º da E.S.O., e Historias dun cuarto de baño, un proxecto da profe Luz Beloso e o seu alumnado de 4º, artellado coma un mosaico composto de 6 curtas onde varios xéneros fíanse arredor diso, dun cuarto de baño. A este proxecto contribuimos desde o obradoiro músicasbarxas gravando e editando voces en off e esta divertida canción, da que vos deixo o video, que pecha o ciclo e que se está a converter no himno semioficial do instituto, cun estribillo que non deixa de ser unha declaración de principios nos beizos dun estudante adolescente machucado polo academicismo e a pseudo-pedagoxía: Eu non sei o que queres: unha estatua, un ser inerte…

Temos gala entón, mañá 20 de xuño, ás 18:00, no salón de actos.  Estades tod@s convidados!

Andrés do Barro conseguíu un completo imposible coa súa canción O tren: un número un clamoroso cantando en galego, na España franquista, en 1969!

Mais non foi o único.  O de Pontedeume facturou hit tras hit: Corpiño xeitoso, Rapaciña, Teño saudade e moitas outras forman parte da cultura popular galega por dereito propio e a obra de do Barro foi obxecto no 2007 dun disco tributo, Manifesto Dobarrista, editado por Falcatruada, onde participaron, entre outros; Niño y pistola, Fanny & Alexander, Projecto Mourente ou os vigueses Eladio (entón Elodio) y los seres queridos.  Éstes últimos incluíron unha versión especialmente inspirada de O tren, que a min sempre me pareceu que nin deseñada para un lip dub, así que esa foi a miña proposta para os chavales de 4º da ESO C e D á hora de prepararmos un como proxecto principal para o segundo trimestre deste curso.

A súa primeira reacción foi negarse: os chavales, en xeral e mesmo algúns moi enérxicamente, néganse  a facer un lip dub en galego, é o primeiro que hai que vencer.   A segunda barreira é que acepten unha canción que non sexa coñecida nese momento, a homoxeneidade de intereses dictada polos medios de comunicación (hoxe en día especialmente pola publicidade) semella estar máis vixente que nunca.  Logo todo é meterlle traballiño, que a motivación do alumnado está garantida por unha actividade que eu non deixo de recomendar ao profesorado de música de secundaria.

Do traballo que levaron adiante no obradoiro de stop motion do IES As Barxas para facer a animación que ilustra o poema Odisea última (do que vos falo no post de abaixo), déixovos este video que explica por si mesmo o talento e as horas empeñadas no proxecto pola profe Luz e os chavales, en tantos e tantos recreos do que levamos de curso.

A tod@s parabéns!

Da pasada edición do Certame de poesía Xosé A. Barral, da que eu era responsable no IES As Bizocas, en O Grove, quedárame sen musicar (por razóns persoais que veñen e non veñen ao caso) o poema gañador da categoría de bacharelato; Odisea última sobre mantas de flanela, do alumno do IES Virxe do mar, de Noia, Ismael Ramos Castelo.

Nun principio non vislumbraba eu naquel poema complexo e abundante en imaxes unha canción de estrutura clásica no seu aspecto formal e comecei a pensar en facer unha mestura entre recitado e canción ou máis ben coro que nin eu mesmo tiña moi claro como ía ir ata que un día colguei a guitarra e voilá! alí estaba de arriba abaixo unha canción agochada que dei en abreviar en Odisea última, un dueto que comparto coa alumna do IES As Barxas Jennifer Cancelas, que aí vedes na foto, en plena sesión de gravación.

Xa en Moaña, a miña colaboración con Luz Beloso comezou precisamente coa Odisea: as voces graváronse tan cedo como finais de outubro e desde entón ata agora estuveron traballando nos recreos os rapaces do obradoiro de stop motion do departamento de plástica, mentras nós seguíamos gravando partes (á dereita vedes a Ismael Otero co seu Epiphone sg) e mesturando unha primeira versión da maqueta ata que por fin podemos presentar este novo video do Audiovisual As Barxas.

Quixo a casualidade que hoxe mesmo me chegara por mail a convocatoria do VI certame de poesía que a miña muller, Olga Lalín, e eu fundamos no Grove e quero aproveitar a ocasión para desexarlles toda a sorte do mundo aos meus ex compañeiros das Bizocas, especialmente a Marta Fernández, a responsable da biblioteca do centro.  Estou seguro de que a idea dun concurso de poesía que aúne música e letra, que implique a tantos departamentos didácticos e que tire tanto da creatividade do alumnado e en tantos aspectos, segue sendo válida se o que se procura é un ensino vivo, activo e participativo.

Velaí unha nova produción do Audiovisual As Barxas, que fixemos poñendo o obxectivo no programa educativo Comenius, no que participa o noso instituto.

Na parte musical do proxecto traballamos partindo dun poema de Miguel Ángel Alonso Diz, Poida que si que poida, , no que o medo a non poder saír adiante ou a que a un non lle deixen, reflicte perfectamente o estado de ánimo non só do alumnado, senon tamén o de moitos aos que non lles queda outra que recurrir á fabulación ou ao idealismo nestes tempos complicados nos que andamos.

Ao poema de Miguel Ángel sumáronse as rimas do rapeiro moañés Sebe, acompañado ao micro por Sowel, polas alumnas do IES As Barxas Jennifer Cancelas e Katrin Ballesteros e por min mesmo.  Hehehehe, agora de vello rapeiro!!!

Tamén, si.

Aproveitando o San Valentín…aí tedes un video froito da colaboración do Audiovisual As Barxas co departamento de normalización do IES do mesmo nome, de Moaña, no que andamos implicados presuntamente.

Tiñades que ver a cachaza de Lucía e Xiana, de primeiro da ESO, cando viñeron gravar as voces á aula de música.  Impresionantes.

Unha escusa para desexarvos felicidade.

Na miña etapa no IES As Bizocas, en O Grove, a intuición e a intención leváranme a definir cales eran para min as claves dun ensino útil, afastado o máis posible da clase maxistral (aínda que as veces haxa que botar man dalgunha), e da concepción do alumnado como simples contedores baleiros que os profes temos a obriga de encher polo ben da transmisión, na miña especialidade, do sacrosanto canon da música occidental.  Esa visión academicista que todo o invade, á práctica mais tamén á xestión docente, non estaría mal se a realidade non fora tan teimuda, arroxando uns índices de fracaso escolar tan inaceptables coma os do paro, indicándonos que, polo menos, deberíamos probar a cuestionalo todo.

Un bo día, mentras explicaba de costas a unha clase de segundo da ESO unhas nocións básicas de interválica, sentín un bule bule especial, virei e ao ver á chavalería dinme conta do que ía o asunto, toda a clase parecía facerse a mesma pregunta: de que fala este pirado?  E tiñan razón, repasando os libros de texto da materia de música empregados no ensino secundario, calquer especialista pode chegar á conclusión que moitos dos contidos están, no mellor dos casos fóra de contexto ou, o que é peor, introducidos sen unha aplicación práctica significativa co que, a outra pregunta que se fai calquera cando algo lle custa un esforzo, e isto para que serve? vén a tirar por terra calquer estratexia proxectada nas programacións didácticas.  Lembro agora o que me dixo un alumno de cuarto nun dos primeiros días de clase: a mi me gusta mucho la música, eh? Como anticipando que quizáis o meu maxisterio ía rematar coa súa paixón musical.

Daquelas reflexións naceron o Certame de poesía Xosé Antón Barral, que pretendía tirar da creatividade dos rapaces de xeito interdisciplinar, abranguendo literatura, música e artes visuais e a Orquestra Orff IES As Bizocas, unha formación estable que empregaba os instrumentos propios da dotación dunha aula de secundaria, ademáis de canteira de compositores, intérpretes e arranxistas. Ambas iniciativas deron tanto traballo como satisfaccións e a través delas descubrín que a diferenza que había entre seguir as pautas do ensino tradicional e apostar por iniciativas que fixeran ao alumnado sentirse o verdadeiro protagonista eran as que hai entre ter a unha clase preguntándose para que está na aula ou tela entusiasta  e tirando dun mesmo. Asegúrovos que traballar nesas condicións converten ao ensino nunha experiencia marabillosa e eficaz.

Estando nese proceso de cambio de enfoque, no que tanto terei aínda que perseverar (o seguinte ten que ser xa a programación por proxectos, seguro), déronme o IES As Barxas no concurso xeral de traslados, do que só coñecía, a través de Soncine, o labor da profesora Luz Beloso, no departamento de plástica.  O seu traballo (que neste mesmo curso recibiu o prestixioso premio Crearte do Ministerio de Cultura) e o do alumnado que participa das súas iniciativas no centro moañés, compartía esa mesmiña intención, a de chegar ás cousas a través dun prantexamento fundamentalmente práctico, contando co alumnado como axente activo. Nin que dicir ten que faltou tempo para comezar a sumar esforzos que a piques están xa de dar os seus primeiros froitos.

O que tedes arriba é o video da cortiniña que vai preceder ás producións que vaian saíndo do proxecto audiovisual no que estamos empeñados no instituto, nós e Jenni, Noelia, David, Melanie, Alex, Laura, Daniel, Joel, Sara, María, Isma, Ana, Hugo, Álvaro, Paula, Iago Sowel (que aínda se achegou a gravar o venres pasado), Sebe, Lorena, Cristian, Lucía, Inés, Jessica, Macarena, Gael, Raquel, María, Adrián, Alberto e un longo e motivado etcétera.

Atentos ás súas pantallas.